Sanxenxo "circula as latas" en oito praias
Por Redacción
Sanxenxo dá un novo paso na reciclaxe de residuos coa campaña "Circula a túa lata" que se poñerá en marcha todas as fins de semana de agosto en oito areais. A iniciativa, que se presentou este xoves na praia de Canelas, enmárcase dentro do programa europeo de sensibilización ambiental "Cada lata conta" que ten como obxectivo concienciar e sensibilizar sobre a importancia de reciclar para fomentar a economía circular e promover o turismo sostible.
A primeira tenente alcalde de Sanxenxo, María Deza, destacou a importancia de iniciativas deste tipo para un municipio que leva anos apostando por ser o destino turístico de referencia en reciclaxe. "En 2019, Sanxenxo duplicou a taxa nacional de reciclaxe en vidro e este ano, a pesar de ser atípico pola situación sanitaria, os datos xa revelan unha tendencia á alza en envases e papel, do 11,56% e 20,81%, respectivamente", explicou.
A campaña "Circula a túa lata" percorrerá as praias de Silgar, Areas, Montalvo, Pragueira, Major, Canelas, Baltar e A Lanzada con educadores ambientais equipados con mochilas recolectoras de latas.
As latas son 100% reciclables e un xesto tan sinxelo como depositalas no contedor amarelo, axuda a que aforremos materiais e reduzamos un 70% o consumo de auga e un 95% o consumo de enerxía, en comparación a fabricar unha lata de novas materias primas.