Perde en Marín un sobre con todo o soldo do mes e recupérao grazas á honradez cidadá
Por Redacción
A colaboración cidadá permitiu en Marín que unha persoa puidese recuperar un sobre que perdeu xusto despois de retirar do banco o soldo do mes.
Ocorreu na mañá deste mércores. Segundo informou a Policía Local, foi a honradez dun cidadán a que permitiu localizar o sobre perdido e entregalo ao seu propietario.
Non transcendeu a cantidade que tiña o sobre, pero si que era "unha importante cantidade de diñeiro", que se correspondía co soldo do mes e que o perdera pouco despois de retiralo dunha entidade bancaria.
A principios desta semana, unha veciña de Vilanova de Arousa recuperou unha bolsa con 1.000 euros que perdera. Un veciño atopou en plena rúa un bolsa e fixouse en que dentro tiña un nome escrito e un número de conta, de modo que a levou á Policía Local.
Os policías locais difundiron a través das redes sociais o achado da bolsa na rúa González Besada e, tras ver a publicación, unha muller acudiu á sede policial e acreditou ser a propietaria.