O PP sinalizará as zonas de Poio con demandas que non foron atendidas polo Concello
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Popular, presentou este mércores unha iniciativa para identificar e sinalar as zonas de Poio con aquelas demandas dos veciños que non foron atendidas polo Concello.
A iniciativa consistirá dun panel vertical e outros elementos coa lenda "Perigo. Zona Abandonada polos Tres Alcaldes" que se desplegarán en lugares do municipio onde, segundo os populares, o tripartito formado por BNG, PSOE e Avante Poio "non solucione a falta de servizos básicos ou nos que ignoren as demandas dos veciños de forma reiterada".
O portavoz do PP en Poio, Ángel Moldes resaltou que a colocación destes sinais "non vai ser algo improvisado nin indiscriminado", senón que as zonas determínanse mediante "unha análise de todo o grupo e seguindo un protocolo".
Para identificar un lugar como "zona abandonada", debe ser un área na que os veciños directamente ou o PP, nos órganos municipais, solicitasen ao concello unha solución para un problema coñecido e o goberno local siga sen dar resposta despois dun tempo "prudencial".
Moldes di que o PP acude a este tipo de medidas "cando se esgotan os cauces institucionais e os 3 alcaldes seguen sen facer caso".