Cisma no bipartito de Vilaboa tras a dimisión do alcalde: o BNG acusa de "desleal" ao PSOE e analiza a súa continuidade
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A decisión do alcalde de Vilaboa, Francisco Costa Fernández, de renunciar ao cargo por "motivos persoais" acaba de xerar friccións no goberno bipartito PSOE-BNG. O BNG amosou este mércores o seu malestar por enterarse ao mesmo tempo que a prensa, na noite do martes, da decisión do rexedor socialista e considera que a forma de proceder é de "deslealdade".
Á vista da nova situación, o BNG explica que de momento segue traballando no goberno "por respecto á veciñanza de Vilaboa", pese a que foron moitas as dificultades para desenvolver traballo político co outro grupo do goberno, pero ven urxente convocar unha comisión de seguimento do pacto de goberno, asinado en xullo de 2019.
Ademais, xa anuncia que ao longo desta semana terán unha xuntanza coa militancia para analizar a situación derivada desta "decisión unilateral" de Costa e a súa continuidade no goberno.
A asemblea local do BNG de Vilaboa sinte os problemas de saúde que se dan no seo da familia de Francisco Costa e agarda unha recuperación satisfactoria da súa saúde e da dos seus familiares, pero cre que esas circunstancias non xustifican a súa forma de proceder.
O alcalde xustifica que a pandemia da Covid-19 fixo máis difícil compatibilizar a súa vida profesional co cargo político, pero os seus socios nacionalistas cren que é "unha escusa sen fundamento", xa que no pacto de goberno asinado o BNG aceptou a adicación exclusiva do alcalde co fin de que a súa dedicación fora plena para o concello.
Así, cren que o alcalde debía saber o que implica o cargo y critican que no último ano "non ven exercendo, nin adicando tempo á Alcaldía". Aseguran que as súas ausencias no concello foron manifestas para os seus socios e para a veciñanza.
Os nacionalistas cren que "se trata máis dunha estratexia política, que dunha decisión persoal" e que é "premeditada desde hai meses" e basean esa afirmación nesa suposta falta de adicación e tamén en que a decisión se tomou xusto cando a tenente de alcalde anunciara que collería vacacións.
O PSOE RESPONDE
Horas despois da publicación do comunicado do BNG, o PSdeG-PSOE respondeu ao seu socio de goberno sinalando que non entende a súa reacción "ante a conversa sincera que mantivemos no día de onte con eles antes que con ninguén".
En opinión dos socialistas, os nacionalistas "optan por aboarse a teorías da conspiración" cando, segundo aseguran, o BNG foi o primeiro en ser informado da decisión da renuncia do alcalde por motivos persoais. Así, indican que foi o propio alcalde quen convocou a xuntanza á maior brevidade posible unha vez que tomou a decisión e nesa xuntanza falaron da necesidade de resolver a interinidade que provoca non ter alcalde de xeito rápido para que cando empece setembro xa teñan o goberno a pleno rendemento.
Ademais, defendeu o traballo que o alcalde fixo durante estes 13 meses a pesares de compatibilizar o seu traballo é a Alcaldía. Os socialistas aseguran sentirse "orgullosos" e sacan peito dun balance no que deixa un concello coas contas saneadas, con presuposto aprobado, con máis de 800.000,00 euros que van saír de xeito inmediato para obras e cunha estrutura interna de persoal nova que dará mellores servizos, aprobando por vez primeira na historia un cadro de persoal axustado as necesidades de Vilaboa.
"O esforzo brutal que fixo Kiko Costa pásalle agora factura e por iso é máis incomprensible que quen debería estar axudando estea criticando", cuestiona o PSdeG-PSOE.
Relacionadas:
-
César Poza convértese en alcalde de Vilaboa con maioría simple
Por Redacción |
-
Rompe o Bipartito de Vilaboa: o BNG deixa o goberno, pero apoiará a elección de César Poza
Por Redacción |
-
César Poza, aposta do PSOE para substituír ao dimisionario alcalde de Vilaboa
Por Redacción |
-
Francisco Costa deixa a alcaldía de Vilaboa tras 13 meses de mandato por "motivos persoais"
Por Redacción |