A Policía Local de Poio identifica un grupo de menores consumindo alcol e incumprindo as medidas de seguridade e hixiene
Por Redacción
Ata vinte e cinco menores foron identificados o pasado luns 3 de agosto, en Combarro, Poio, cando se atopaban consumindo alcol nun espazo público, incumprindo ademais a normativa sobre seguridade e hixiene en vigor en relación coa COVID19. A actuación da Policía Local producíase sobre as seis e media da tarde, cando veciños do lugar de Cidrás, informaban a este Corpo da presenza dos mozos facendo botellón.
Os mozos identificados residen en bo número en concellos próximos, aínda que tamén no propio municipio de Poio. O operativo deu lugar á apertura de expedientes sancionadores; dunha parte pola práctica do botellón, prohibida pola Xunta en materia de seguridade contra a pandemia sanitaria; e igualmente ao constatarse que os menores non utilizaban máscaras, o que supón outra infracción ás normas vixentes.
Nesta intervención policial foi necesario ademais trasladar a un menor ao Hospital Montecelo, xa que se atopaba inconsciente por intoxicación etílica. Tamén se requisaron varias doses de marihuana e foron incautadas diversas botellas de alcol.
Desde a Policía Local faise un chamamento a veciños e visitantes para que se cumpran as medidas de distanciamento e o uso de máscaras para evitar contaxios. De igual forma, aconséllase á poboación a que informe, como foi este caso, de situacións semellantes á sinalada. Pola súa banda, a Concellería de Seguridade Cidadá de Poio, destaca o comportamento exemplar que está a mostrar a inmensa maioría dos cidadáns "á marxe de situacións puntuais como esta".
Relacionadas:
-
A Policía Local de Poio identifica 50 persoas en botellóns na praia e denuncia catro locais con incumprimento horario
Por Redacción |
-
Interceptado por conducir borracho e de forma temeraria
Por Oskar Viéitez |
-
Desmantelan unha festa ilegal a bordo dun veleiro fondeado na Illa de Arousa
Por Redacción |
-
"Aglomeración incontrolada" e "relaxación de medidas de seguridade", motivos para prohibir o botellón
Por Natalia Puga |