Segue a escalada con sete contaxiados máis en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Segue a preocupante escalada no número de contaxios por covid-19 na área sanitaria de Pontevedra O Salnés. A Dirección Xeral de Saúde Pública informa este mércores de 7 casos novos.
Pontevedra chegou a ter só 3 casos a principios de xullo, xusto antes do inicio da tempada turística, a día de hoxe son xa 35.
Un só paciente permanece hospitalizado en planta do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e outros 34 casos Covid evolucionan nos seus domicilios.
Desde o inicio do plan de continxencia do Covid-19 curáronse 920 pacientes (un máis que no día de onte ) e faleceron por este virus na área sanitaria 16 pacientes.
En Galicia hai este mércores 31 casos activos novos, a pesar de 13 altas. En total 406 casos activos.
A Coruña segue liderando a expansión do coronavirus con 11 casos máis, en Vigo, a aparición doutro brote familiar procedente de Madrid, fai que os casos suban de 67 a 74. En Lugo son tres casos, en Santiago dous casos máis; Ourense, un caso máis, igual que en Ferrol.
Sanidade indica que, ata o momento, curáronse en Galicia 11.331 persoas, 13 máis que a xornada anterior, e faleceron 619 pacientes con COVID. A última vítima mortal foi notificada o 10 de xuño. Hoxe hai 3 hospitalizados máis en planta ata sumar 18. Segue habendo 2 persoas na UCI.
O número de PCR realizadas ata a data na Comunidade galega ascende a 257.156 fronte ás 255.305 contabilizadas ata este martes, apuntou Sanidade.