A Garda Civil intervén unha plantación de marihuana en Barro
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil procedeu á detención dun veciño de Barro como presunto autor dun delito contra a saúde pública, na modalidade de cultivo e elaboración de drogas, ao que se lle interviñeron 12 plantas de marihuana, as cales tiñan unha altura de máis de dous metros, cun peso de 41 kg.
Segundo informan fontes oficiais do Instituto Armado, procedeuse á detención dun veciño da localidade de Barro, de 48 anos, que foi posto en liberdade en sede policial, coa obrigación de comparecer diante da Autoridade Xudicial cando sexa requirido para iso.
Por mor das investigacións realizadas por efectivos da Compañía de Vilagarcía de Arousa, tívose coñecemento dunha plantación de cannabis sátiva nunha leira propiedade do detido. As citadas plantas presentaban un gran tamaño e atopábanse nunha zona preparada para o seu cultivo, escondidas á vista e tapadas con teas de ocultación.
Había ademais distintos instrumentos e produtos necesarios para o seu cultivo, tales como fertilizantes e abonos químicos.
As dilixencias instruídas, xunto coas plantas intervidas, foron entregadas no Xulgado de Instrución de garda de Caldas de Reis