Denuncian a okupación dunha casa en Salcedo: "Lo más sangrante es que tienes que ser tú la que demuestre que es tu casa"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Ángeles Durán móvese entre a indignación e a frustración desde hai semanas. Ambas teñen o mesmo desencadenamento: un grupo de okupas apropiouse da vivenda dun familiar de idade avanzada, todos os seus intentos por que a abandonasen foron infrutuosos e viuse obrigada a iniciar un proceso xudicial para lograr desaloxalos.
O escenario desta okupación é a vivenda do número 35 da Ruibal, na parroquia de Salcedo. O seu propietario, familiar directo de Ángeles, non vive nela desde hai ano e medio e ela, que reside a uns 200 metros, adoitaba pasar por diante cada certo tempo e comprobar que todo ía ben, pero non se decatou de que había un grupo de okupas dentro ata que era demasiado tarde.
Se os okupas levasen no inmoble menos de 48 horas, podería chamar á Policía e que os desaloxasen sen orde xudicial, pero ela non se decatou ata, polo menos, cinco días despois e, cando os okupas xa cambiaran a fechadura tanto da porta como do portal, ambos os dous forzados para poder entrar.
Os propios okupas ocupáronse de facer ben as cousas e durante os primeiros días permaneceron no interior e coas xanelas pechadas e só cando xa pasara o tempo prudencial empezaron a facer vida no exterior, segundo relata Ángeles. Ademais, algúns veciños da zona viron como un grupo de mozos saltaba o peche da vivenda e outros empezaron a ver luz na casa, pero ninguén avisou ao seu dono nin á súa familia ata que unha vendedora de peixe llo comentou a Ángeles.
Xa era tarde. Agora, a única vía que ten para lograr recuperar a casa é a xudicial e xa asumiu que se prolongará durante meses ou mesmo anos. De aí a súa frustración, pois sabe que "no puedes hacer nada porque el problema lo vas a tener tú" e está coas mans atadas ata que todo se resolva nos tribunais. Mesmo uns días despois un veciño chamou á Policía Nacional, pero, cando chegaron, os axentes confirmaron que sen orde xudicial non podían facer nada.
A actitude dos okupas tampouco axuda, pois non teñen intención de abandonar a casa. Este martes, a preguntas de PontevedraViva, confirmaron que okuparon a casa, que eran sete persoas vivindo alí e que pensaban quedar.
Un deles, Cristian, que se move en cadeira de rodas, atendeu brevemente a este xornal e dixo que, tras "poco tempo" alí, "mes y medio", pensan quedar na casa porque "no tenemos otra". El mesmo "vengo de estar en los caminos", explicou, pero descartou dar máis explicacións e remitiu calquera pregunta a un compañeiro de okupación que non estaba na casa nese momento, a modo de portavoz, de nome Alberto.
A familia, mentres tanto, xa presentou a demanda e agora tan só lles queda esperar. "No puedo ni vaciar el buzón", laméntase Ángeles, pero tamén se frustra ao saber que non pode cortarlles a auga nin a luz e nin sequera tentar que se vaian por ningún medio, pois "podrían incluso denunciarnos por acoso". Ángeles, que entende que se hai casas baleiras e a xente necesita onde vivir se lle faciliten as cousas, non comprende, no entanto, que se fagan así as cousas e que "por ley no puedes hacer nada".
A indignación chégalle pola forma na que se produciu a okupación e que agora os sete novos que viven na casa do seu familiar teñen todos os dereitos e eles, tan só problemas. Tamén lle xera "impotencia", pois "yo mañana me voy tres días de mi casa y cualquiera se puede meter dentro".
De todas maneiras, "lo más sangrante es que tienes que ser tú la que demuestra que es tu casa", sinala indignada, en referencia a que agora que eles xa cambiaron a fechadura e levan alí mes e medio, é o dono o que ten que ir ao xulgado para demostrar que é o lexítimo propietario e que os novos moradores sexan expulsados.
Neste caso, ademais, toda a documentación que demostra a titularidade estaba na propia vivenda e nos primeiros días de okupación Ángeles presenciou como os mozos sacaban cheas de papeis ao exterior da casa e desfacíanse deles. Agora xa lograron reunir de novo a documentación, pero a indignación non para de crecer.
Ademais, a familia é consciente de que o proceso vai para longo tamén pola propia actitude dos okupas. Segundo relatan, ademais de sacar toda esa documentación ao exterior, viron como nestas últimas semanas facían limpeza dentro e fóra da vivenda.
"La están preparando para quedarse mucho tiempo", está convencida esta veciña de Salcedo, que recoñece que "la casa está mucho mejor ahora", pois limparon o acceso que leva mes e medio sen arrombar e cre que tamén dentro fixeron limpeza, tirando obxectos que non lle valían como vaixela vella, mobles ou portas.
Igual que está convencida de que a casa está en mellores condicións, tamén de que os okupas se quedaron supostamente coas posesións do seu familiar. Así, el relatoulle que había diñeiro na casa e tamén unha caixa forte con obxectos de valor. Tamén había comida, veu e unha moto no baixo que gardaba no baixo da casa.
De momento, non hai rastro desa moto e os okupas saen da casa e van facer a compra camiñando ou nalgunha das dúas bicicletas que gardan na entrada da casa. Para protexerse, contan con cinco cans. Ou máis, pois "la familia crece día a día". Ao principio eran tres okupas e un can e agora, sete humanos e cinco cans parapetados sen intención de irse.
Relacionadas:
-
RADIO.- Afectado por unha okupación?: "Acuda ao fiscal e que sexa a Fiscalía quen o axude"
Por Marisa Ciordia |
-
Unha veciña e a Policía frustran un intento de okupación dunha vivenda en San Antoniño
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Desafiuzamento tranquilo e exprés nunha casa 'okupada' na rúa Charino
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Unha persoa acaba no hospital tras unha pelexa entre okupas na rúa Altamira
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
VÍDEO.- Desafíuzanos da súa casa, okupan unha nave abandonada e un incendio fai perigar o seu novo 'fogar'
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |