Campo Lameiro corta a auga durante a noite para garantir o subministro ante a alarmante baixada no depósito municipal
Por Redacción
Na noite deste martes ao mércores 5 de agosto, o Concello de Campo Lameiro deixará á poboación sen auga entre as 00.00 e as 06.00 horas para tentar solucionar o problema de escaseza hídrica que está a sufrir o municipio.
Desde o goberno local sinalan que esta medida adóptase ante a conduta irresponsable dun grupo de veciños durante os últimos días. Indica que a pesar de editarse un bando urxente para que a cidadanía fose consciente da necesidade de facer un uso responsable da auga, os operarios municipais tiveron que amoestar e advertir a residentes que realizaban un uso indiscriminado da subministración procedente da traída municipal.
Segundo denúnciase, algúns veciños encheron piscinas, regaron xardíns e hortas, ademais de realizar outros usos como lavado de coches ou de beirarrúas incumprindo a ordenanza e poñendo en perigo a utilización da auga para o conxunto da veciñanza.
Carlos Costa, alcalde de Campo Lameiro, pide desculpas pola medida adoptada pero afirma que é necesaria para tentar que o depósito recupere un mínimo de reservas que garantan a subministración ao longo da xornada. Sinala que estamos nunha situación de cambio climático con veráns máis secos. Por este motivo, insisite en que é preciso aforrar no uso de auga e utilizar a indispensable para o consumo humano e doméstico pero non para outras actividades. " Sentímonos moi decepcionados", apuntou o alcalde, que agarda máis responsabilidade veciñal para que os cortes de auga non se prolonguen no tempo.