O Concello e a Plataforma Cidadá de Salcedo liman asperezas, pero non chegan a acordo total
Por Natalia Puga
O Concello de Pontevedra e a 'Plataforma Cidadá por unha Casa de Cultura Digna para Salcedo' limaron asperezas este martes en relación ao proxecto de centro cívico que a Administracion local ten en marcha para a parroquia, pero as dúas partes implicadas non chegaron a un acordo total sobre o proxecto.
Representantes da plataforma e os concelleiros do grupo de goberno Demetrio Gómez e Anxos Riveiro mantiveron unha reunión durante unha hora. Ao finalizar, un dos voceiros da plataforma, Fran Luvía, asegurou que "parece que chegamos a un pequeno consenso" e Demetrio Gómez sinalou que o encontro se desenvolveu "en ton cordial". Ademais, quixo agradecer a todos os colectivos sociais, veciñais e culturais de Salcedo a súa colaboración para elaborar o anteproxecto, que esperan que ao longo do mes de setembro se converta xa nun proxecto definitivo, aínda que non é un prazo pechado.
A cordialidade do encontro pemitirá realizar pequenos cambios no anteproxecto do centro cívico ou casa cultural, pero o Concello non se mostra disposto a ceder nunha das principais demandas da plataforma cidadá, a construción de catro ou cinco aulas individuais dentro do edificio.
O Concello non se mostra disposto a ceder nunha das principais demandas da plataforma, a construción de catro ou cinco aulas individuais
Ao respecto, Fran Luvía sinalou que o "consenso" alcanzado cos concelleiros se refire ao "espazo de usos múltiples", pero "non estamos de acordo en canto ás aulas", pois o anteproxecto aprobado no Consello Parroquial e sobre o que traballa o Concello prevé habilitar un espazo diáfano dividido con biombos movibles, pero eles cren que ten que haber aulas máis consistentes nas que as asocaciones da parroquia poidan realizar actividades de todo tipo, dende cursos a reunións "e, sobre todo, clases de música".
Pola súa banda, Demetrio Gómez recorda que este edificio que se planifica en Salcedo se enmarca na rede de centros cívicos que se promoven en todas as parroquias e o centro de Pontevedra e que a petición que realizan dende a plataforma cidadá de Salcedo "danos a impresión de que é unha escola de música" e non un centro cívico.
Ao respecto, sinala que o centro se formula para responder ás necesidades globais da parroquia, non a "necesidades específicas" como as demandas vinculadas a clases de música profesionais, pero comprométese a axudar á plataforma cidadá e á Banda de Música de Salcedo (un dos colectivos integrados na plataforma) para demandar a construción dunha escola de música ante a administració pública competente na construción deste tipo de instalacións, a Xunta de Galicia.
Demetrio Gómez fai referencia a dúas limitacións que impiden ao Concello dar resposta a todas as demandas da plataforma cidadá de Salcedo, "orzamentaria e de competencias", pois o proxecto tal e como está formulado xa ten un presuposto aproximado de 500.000 euros e ter en conta todas as peticións implicaría un investimento maior. Ademais, a construción de centros de formación musical é competencia da Xunta, non do Concello e aínda que a Administración local tivese intención de realizar o proxecto, non podería.
A plataforma cidadá mantén que o proxecto, tal e como está formulado, "non cubre ás necesidades reais e actuais de tódalas asociacións da parroquia". Fran Luvía confía en que o proxecto definitivo recolla parte das súas demandas.
Relacionadas:
-
Satisfacción en Salcedo polos cambios no proxecto do centro social
Por Diego Espiño |
-
A plataforma 'Por unha Casa de Cultura Digna para Salcedo' buscará apoios entre as forzas vivas da cidade
Por Redacción |
-
Os populares pídenlle ao Concello que dote a Salcedo dunha Escola municipal de Música
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello reunirase coa Banda de Música de Salcedo en plena polémica pola nova Casa de Cultura
Por Redacción |
-
Salcedo aficiónase aos flashmob para reivindicar unha "casa de cultura digna"
Por Redacción |