Portonovo estrea a pista de skate
Por Redacción
Cunha exhibición en diversas disciplinas para demostrar as potencialidades do espazo, así decidiu o goberno local inaugurar este venres a pista de skate park de Portonovo.
Mozos locais e do coñecido Club Cromoly realizaron exhibicións de skate, BMX e parkour durante aproximadamente unha hora despois de que o alcalde, Telmo Martín, acompañado do grupo de goberno, dese vía libre de forma oficial a unha demostración de "alta calidade" do deporte urbano.
Os asistentes á inauguración puideron gozar das demostracións do novo rider vigués, Saúl Vilar, gañador ata en tres ocasiones da proba de skate junior en O Marisquiño e participante en varias probas nacionais. Outro dos invitados á cita foi Nacho Gómez, un veterano do deporte urbano que competiu en varias probas internacionais. O skater portonovés Diego Barbeito, participante no proxecto, encargouse de dar a nota local a esta exhibición na que mostrou a súa pericia sobre o patinete.
Desde hai semanas, a instalación levantou unha gran expectación mesmo fóra da provincia polas características do espazo que, segundo expertos no deporte urbano, fano "único en Galicia" tanto polo seu deseño como polo radio do bowl e o seu rocódromo.
O parque divídese en tres zonas, destinadas dúas delas principalmente á modalidade de skate ( Street: 543 metros cadrados e rampla: 318), unha zona destinada a parkour cunha superficie de 185 metros cadrados e outra a skatepark con bowl. O espazo alberga tamén un rocódromo. O investimento nesta pista 1.839 metros cadrados rolda os 170.000 euros.