Moraña pecha o exercicio económico cun remanente de 640.347 euros
Por Redacción
O Concello de Moraña presentou a súa Conta Xeral 2019, coa que se pecha o pasado exercicio económico, cun remanente de tesourería de 640.347 euros, dato que se deu a coñecer e que foi presentado á corporación municipal na sesión plenaria celebrada onte á noite e que se deriva dunha xestión alcista do Orzamento 2019, que permitíu incrementar a previsión inicial de 2.111.839 euros nun 133% ata liquidar finalmente a contía de 4.936.133 euros.
"Fixemos un gran esforzo de xestión e de negociación con outras administracións e participamos con éxito de moitas ordes e plans de axudas que nos permitiron conseguir moitos recursos externos para Moraña, froito dos cales desenvolvemos un amplo plan de investimentos, incrementamos ou reforzamos servizos públicos e ademais rematamos cunhas contas saneadas para manter a nosa boa saúde económica", explicou a alcaldesa, Luisa Piñeiro.
A rexedora destacou que esta maior dispoñibilidade de recursos non procedeu dos petos dos veciños a través da vía fiscal, xa que se calcou a cifra de recadación do ano anterior con 857.000 euros, senón que se debeu ás transferencias correntes procedentes doutras administracións, que alcanzaron os 2,92 millóns de euros, aumentando deste xeito en 968.000 euros con respecto ao ano anterior.
Ademais, o Concello, que mantén a cero a débeda viva con entidades bancarias, financeiras ou de crédito, tamén conseguíu un forte incremento do seu patrimonio neto, que xa alcanza os 14,3 millóns de euros ao incorporarse o Multiusos co seu proceso de modernización e outros equipamentos e infraestruturas municipais que foron mellorados ou adquiridos.
Finalmente, o Concello pechou o exercicio cun resultado orzamentario global da súa xestión ordinaria que se sitúa nos 1.694.548 euros.