O Grove recupera o antigo Camiño da Granxa
Por Redacción
A través dun investimento de 37.000 euros, achegados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o Concello do Grove puido recuperar o antigo Camiño da Granxa, un dos vellos accesos á vila que agora se recupera para o tránsito peonil.
Esta actuación forma parte dun plan no que están previstas novas actuacións que seguirán recuperando espazos que foron abandonados ao deixarse os traballos nas terras e ao substituírse polas actuais estradas principais.
A falta de uso destes camiños fixo que se perdesen entre a maleza e a deterioración do tempo, perdendo tamén parte da historia local en espazos como o Camiño Real de Ardia, que une esta zona con Feáns, ou outros en Reboredo e Estonllo que constituían, moitas décadas atrás, eixes fundamentais para acceder aos núcleos de poboación.
O plan de recuperación de camiños foi realizado coa colaboración entre a Concellería de Obras e a de Medio Rural, o que deu lugar a un proxecto que permitirá contar, ademais, cun novo atractivo turístico ao abrir rutas de sendeirismo de grande atractivo e historia.