Galicia e o Camiño de Santiago posiciónanse como destinos seguros
Por Redacción
A situación excepcional marcada pola pandemia do coronavirus e o progresivo retorno á normalidade levou á Xunta a intensificar esforzos para que o Camiño de Santiago ofreza as máximas garantías para os peregrinos que proxecten realizar este roteiro milenario.
As medidas arrincaban en abril deste ano co 'Plan de Reactivación do sector cultural e turístico' acordado entre a Xunta e o sector, cun orzamento de 58 millóns de euros, e onde a ruta xacobea ten un apartado especial.
O programa Camiño Seguro ofrece un protocolo integral adaptado á actual situación sanitaria, con medidas como limitación de aforo nos albergues, axudas para a adaptación dos establecementos ás normas e recomendacións hixiénico-sanitarias, formación e asesoramento aos diferentes negocios ou a creación do novo sistema de reservas online, entre outras.
Dende o 1 de xullo está a realizarse a apertura gradual dos albergues públicos con todas as medidas de seguridade contra a covid-19. En todos eles distribuíuse cartelería informativa e contan con materiais de protección como xeles hidroalcólicos, papeleiras de pedal, luvas ou bolsas para uso dos peregrinos.
RESERVA ONLINE EN ALBERGUES PÚBLICOS
Todas estas medidas compleméntanse coa creación por parte da Xunta de Galicia da páxina web alberguesxacobeo.gal, unha plataforma online para reservar praza nos albergues públicos do Camiño de Santiago. A través dela, os usuarios teñen acceso a un buscador con todos os establecementos da rede pública mediante o cal poden efectuar a súa reserva e onde tamén é posible localizar os albergues en función do roteiro no que estean situados.
O sistema facilita as reservas desde o día anterior ata as 13:00 horas do día da pernoita. Mantense, así mesmo, a posibilidade de obter praza ao chegar ao establecemento, sempre que este dispoña de capacidade, facendo así compatible este novo sistema co espírito máis tradicional de acollida xacobea.
Outra das vantaxes da plataforma online é a posibilidade de facer reservas para grupos de ata cinco persoas.
GALICIA, DESTINO SEGURO
O Camiño de Santiago é un referente de turismo tranquilo e hospitalario, así como dinamizador da economía local. Este modelo de turismo amable, en contacto co territorio e os valores propios, leva ao Goberno autonómico a lanzar o programa Galicia destino seguro, dentro do 'Plan de Reactivación do sector cultural e turístico'. Por unha banda, trátase de que os viaxeiros que nos visitan o fagan con todas as garantías e, á súa vez, ofrecer confianza para os propios galegos e traballadores do sector.
Galicia destino seguro, cun investimento de 6 millóns de euros, ofrece axudas para que os negocios turísticos adopten medidas de seguridade hixiénico-sanitarias, así como unha dotación de case 2 millóns de euros para deseñar novos produtos e experiencias, adaptar formatos, dar formación e dinamizar o sector.
Este programa de apoio contempla un impulso á dixitalización en sectores como o turismo rural, cunha nova plataforma de comercialización para facilitar as reservas online e promover as longas estancias neste tipo de establecementos. Tamén se vai a reforzar este ano o papel do turismo enogastronómico, en colaboración coas Asociacións das Rutas dos Viños de Galicia, así como o turismo MICE (acrónimo en inglés utilizado para definir o turismo de reunións e eventos profesionais e que se estima engloba ao 20% dos visitantes), incluíndo a creación dun estudio virtual que permitirá a realización de congresos de maneira mixta entre presencial e online.
PAUTAS PARA UN CAMIÑO SEGURO
- Medidas de seguridade nos albergues da rede pública. Contan con cartelería informativa coas recomendacións contra a covid-19, materiais de protección (xeles desinfectantes, papeleiras de pedal, luvas, bolsas...), sinalización para garantir as distancias nas zonas de uso compartido e medidas de restrición do uso de servizos comúns.
- Uso de máscara. A lexislación vixente indica que é obrigatorio o uso de máscara en todos os lugares pechados de uso público onde se poida coincidir no mesmo espazo con outras persoas. A única excepción é que se poida permanecer sentado (ou tombado, no caso de estar en cama) cunha distancia de seguridade garantida entre as persoas.
- Capacidade dos albergues. Os albergues privados poden habilitar ata o 75% da súa capacidade, mentres que os públicos manteñen unha capacidade máxima do 50%. Este aforo ten que ser compatible coas medidas de distancia interpersoais vixentes.
- Reservas online. Pódese reservar praza online nos albergues da rede pública a través da web alberguesxacobeo.gal, o que non impide a posibilidade de solicitar praza presencial ao chegar ao albergue, a condición de que dispoña de capacidade.
- Roupa de cama. Ao chegar ao albergue, ao peregrino entregaráselle roupa de cama dun só uso que deberá colocar, retirar e depositar nun espazo habilitado, de modo que nin sequera os traballadores do albergue poidan tocar a roupa do usuario. Os peregrinos faranse cargo das botas, mochilas e outros elementos de uso persoal, para os que poderán solicitar bolsas para gardalos.
- Dormitorios. Tras cada día de uso, levarase a cabo a limpeza e desinfección do cuarto e do mobiliario. No caso de dormitorios de uso compartido, as camas dispóñense respectando a distancia de seguridade.
- Cociñas e comedores. As cociñas dos albergues públicos en Galicia dispoñen unicamente de neveira e microondas, servizos que neste momento permanecen clausurados. En caso de necesidade atenderanse peticións individualizadas, como o mantemento dun medicamento na neveira. Os comedores terán limitacións de capacidade para manter a distancia de seguridade.
- Aseos. Ademais dunha limpeza e desinfección frecuente, dispoñen de dispensadores de xel e papel de secado. Non se permite o uso de toallas compartidas. Débese empregar un calzado adecuado para zonas de baño co fin de evitar o contacto do pé co chan.
- Albergues con ascensor. O uso debe ser individual, coa excepción das unidades familiares ou persoas que necesiten asistencia, que neste caso son usuarias prioritarias do ascensor. Recoméndase, sempre que sexa posible, utilizar as escaleiras.
- Síntomas compatibles coa covid-19. O Servizo Galego de Saúde ten habilitado un número de teléfono, o 881 002 021, para as persoas que acudan a Galicia procedentes doutros lugares e presentes sintomatoloxía relacionada coa covid-19. A través do teléfono recibirán instrucións precisas.
Relacionadas:
-
O Albergue de Peregrinos estrea as instalacións que o converten no local de máis capacidade do Camiño Portugués
Por Redacción |
-
Combarro e Pontevedra acollen a campaña itinerante da Xunta para fomentar o turismo seguro
Por Redacción |
-
O conselleiro de Turismo asegura que "en Galicia estamos a resistir dun modo relativamente positivo"
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo mantén unha ocupación do 50% no mes de xullo máis atípico da historia
Por Oskar Viéitez |