A reforma da Rúa Costa de Abaixo, en Combarro, superará os 51.000 euros
Por Redacción
Tres meses é o prazo de tempo que terá a empresa EC Casas para completar as obras de mellora da Rúa Costa de Abaixo, en Combarro, un proxecto no que se van a investir 51.342 euros, segundo informou o goberno municipal de Poio.
A reforma financiarase a través da rebaixa efectuada no proxecto de mellora do campo de fútbol da Seca, con cargo ao Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra.
A actuación vén dada pola necesidade de renovar o firme, xa que na actualidade atópase moi deteriorado polo tránsito de tráfico rodado e a erosión provocada pola auga en época de choivas, segundo explica a concelleira de Obras, Chelo Besada.
O proxecto inclúe, a maiores, a rehabilitación de diferentes servizos básicos, como é o caso das redes de saneamento e abastecemento.
Con respecto ao pavimento, este pasará a contar cunha capa media de cinco centímetros de mestura bituminosa en quente, estendida sobre unha capa previa de xabre artificial.
Pola súa banda, as tubaxes sumarán 55 metros de PVC de 315 milímetros para fecais e outras tantas para pluviais, ademais da dotación de media ducia de pozos de rexistro e tres tramos de reixa en fundición.
A empresa acometerá, de igual modo, a instalación de canalizacións para garantir o correcto abastecemento de auga ás vivendas da contorna.
No informe técnico se contempla, asemade, o retranqueo dun poste de telecomunicacións situado nesta rúa, que deberá trasladarse á Rúa Costa de Arriba.
Chelo Besada adiantou que proximamente tamén será adxudicada a reforma do Camiño de Covelo, en Samieira. Ao igual que na actuación a desenvolver en Combarro, prevese a renovación da superficie do firme, así como a mellora dos sistemas de drenaxe e a evacuación de augas pluviais, mediante a execución de cunetas en parte do tramo de actuación.
Deste xeito, resolveríanse os problemas derivados da escorrentía orixinada cando se producen precipitacións de certa intensidade, tal e como apunta a edil socialista.