Auga moi contaminada en tres fontes de Marín
Por Redacción
Das 120 fontes coas que conta o municipio de Marín, menos de 30 encóntranse conectadas á auga da tradia e polo tanto trátase de auga apta para o consumo. Das máis de 80 restantes, preto de 25 (a cifra non foi concretada pola concellería de Medio Ambiente) teñen sido sometidas a unha analítica para comprobar o control de calidade das augas en relación co consumo humano.
Os resultados parecen preocupantes tendo en conta que na maioría delas a auga é utilizada polos veciños da zona. Segundo os informes dos laboratorios acreditados, as fontes de Vista Alegre, Zapal e Souto ofrecen os peores resultados con índices que confirman unha moi elevada presenza de bacterias, na maioría dos casos, coliformes (microorganismos indicadores de contaminación).
Segundo sinalou a concelleira de Medio de Marín, Marián Sanmartín, no resto de fontes analizadas esa presenza de bacterias diminúe en diferentes graos. Só nos surtidores de Mogor, Allariz, Esperela, Pastoriza e na Barriada da Nosa Señora do Mar, os resultados apenas detectan a presenza de contaminación.
As fontes de Vista Alegre, Zapal e Souto ofrecen os peores resultados de contaminación
A concelleira sinalou que os motivos da presenza de coliformes se deben á que a captación non teña a profundidade axeitada e, polo tanto, as augas recollidas polas fontes sexan sexan na súa maior parte superficiais, o que leva consigo a contaminación das augas. Outro factor é que as instalacións presentan fendas nos seus condutos que orixinan contaminación por augas pluviais ou superficiais. Tamén a proximidade de granxas de animais ou cemiterios próximos axudan á aparición de microorganismos.
Segundo os estudos, a ausencia de desinfectantes provoca o aumento de colonias bacterianas e iso leva consigo que presenten un elevado risco de non ser aptas para o consumo.
Marián Sanmartín sinalou que se levaba moitos anos sen realizar analíticas deste tipo nas fontes do concello marinense. Dentro de 15 días acometerase unha contraanálise para comprobar estes resultados iniciais. Os datos serán trasladados á Consellería de Sanidade que será quen determine se deben clausurarse estes mananciais.
O Concello de Marín ten previsto instalar carteis nas fontes coa alerta "Auga sen garantía sanitaria".