Cerdedo-Cotobade activa un plan para protexer as súas 18.000 hectáreas forestais
Por Redacción
Dezaoito incendios e 133 hectáreas queimadas cada ano. É a incidencia do lume na masa forestal de Cerdedo-Cotobade, que afecta especialmente a Tenorio, Viascón e Borela. Con eses datos na man, o goberno municipal deseñou un plan de prevención e defensa contra os incendios.
Este plan está centrado especialmente na protección das súas 17.960 hectáreas de terreos de monte e mato, unha cifra que representa máis do 80% do territorio do municipio.
O documento, que foi aprobado inicialmente a finais de xuño e superou a fase de información pública, está orientado especialmente á adopción de medidas de prevención, extinción e vixilancia e complementarase con accións de concienciación e colaboración veciñal.
O estudo previo afonda nas características dun municipio que ten o 60% do seu espazo catalogado como monte veciñal e que conta cunha orografía especialmente agreste con zonas de moita pendente, o que dificulta a adopción de medidas.
Ademais, establécese que as contornas de maior risco son Tenorio, Viascón e Borela, que sufriron o 78% de toda a superficie queimada na última década, e, en menor medida, San Xurxo de Sacos, que rexistra moitos focos pero con escasa incidencia.
Tamén se engade que, polo menos, o 70% dos lumes son intencionados.
Ante esta situación, o plan establece diversas medidas que están en marcha, como o establecemento de puntos de vixilancia en Quireza, San Xurxo e Viascón pola súa vulnerabilidade e condicións de visibilidade e a xestión municipal da biomasa, de xeito directo sobre as infraestruturas, equipamentos e liñas eléctricas e de xeito indirecto nas contornas dos núcleos e destes espazos con franxas de protección de 50 metros.
Todo elo compleméntase co mantemento dos 600 quilómetros da rede viaria -incluíndo camiños-, as queimas controladas, a limpeza dos 140.000 metros de cortalumes e a reposición dos 45 puntos de auga -seis para helicópteros en Borela, Arén, Vilariño, Corredoira, San Xurxo e Tenorio e 39 terrestres- que permiten subministrala ao 100% do territorio en só dez minutos.
Ademais, o plan fixa os medios humanos co distrito forestal, Seaga, brigadas municipais, Protección Civil e persoal complementario para rozas, que actuarán especialmente nas épocas de risco alto entre xullo e setembro e medio, os meses de marzo a xuño e outubro.
Finalmente, tamén se estableceron catro códigos de alerta que implican a posta en marcha de comités de seguimento e protocolos segundo a gravidade do caso.
"Esta cuestión é unha absoluta prioridade sempre e máis cos sete focos de lumes que tivemos onte e que desgrazadamente foron provocados", explicou o alcalde, Jorge Cubela, que considera que este plan axudará a combater os lumes porque aplica medidas e establece accións de mellora "que xa están a reducir a afección e incidencia dos lumes".
Relacionadas:
-
Drons, big data e sementes intelixentes para reforestar os montes arrasados polos incendios
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un incendio forestal en Aguasantas arrasa 65 hectáreas de monte
Por Redacción & Oskar Viéitez |
-
Amplían ata outubro o operativo de extinción de incendios de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Cotobade loita contra o acoso dos incendiarios
Por Oskar Viéitez |
-
Cerdedo-Cotobade investirá 486.000 euros na creación do Centro Cultural e Turístico Antonio Fraguas en Carballedo
Por Redacción |
-
Novo incendio en Viascón. "Non pode ser casual", afirma Rueda
Por Oskar Viéitez |
-
Os cinco incendios en Cerdedo-Cotobade foron obra de "criminais", segundo o alcalde
Por Alejandro Espiño |
-
Alertan de cinco incendios forestais en Cerdedo-Cotobade no prazo dunha hora
Por Diego Espiño | Creada e actualizada