O Concello de Marín e a Seguridade Social axilizan os trámites para a petición do Ingreso Mínimo Vital
Por Oskar Viéitez
O Concello de Marín e a Seguridade Social chegaron a un acordo para o cruce de datos entre ambas institucións no caso dos certificados de empadroamento co fin de aforrar trámites burocráticos aos solicitantes do Ingreso Mínimo Vital.
Ata agora, os solicitantes debían acudir ao Concello para a expedición do certificado de empadroamento que logo tiña que ser presentado nas oficinas da Seguridade Social.
Con este acordo, a Seguridade Social e o Concello de Marín cruzan os datos sobre o empadroamento sendo o ente local quen envíe estes datos á administración central daquelas persoas solicitantes do Ingreso Mínimo Vital.
PERÍODO VOLUNTARIO DE PAGO
Por outra banda, o Concello de Marín vén de informar dunha modificación do calendario fiscal para o ano 2020 no referido ao padrón fiscal das taxas pola prestación dos servizos de subministro de auga, recollida de lixo e sumidoiro, correspondente ao segundo trimestre de 2020.
Segundo consta na resolución de Alcaldía, establécese o inicio do período voluntario de pago o 1 de agosto e o seu fin o 20 de novembro, realizándose o cargo en conta dos recibos domiciliados o día 1 de setembro.
Deste xeito, tal e como indican fontes municipais trátase dunha ampliación moito maior da habitual, concretamente de 3 meses e 20 días, cando o habitual é de 2 meses e 5 días.
A crise sanitaria do coronavirus motivou importantes cambios no calendario fiscal para tratar de facilitar, na medida do posible, tanto á cidadanía como aos empresarios e emprendedores, o pago dos tributos municipais nun prazo razonable, dadas as circunstancias do confinamento e as súas consecuencias económicas.