Haberá un sistema de cita previa para o rexistro e o padrón tras o seu regreso a Michelena 30
Tras a apertura ao público do novo edificio municipal de Ferreiros, a onde se trasladaron os servizos de urbanismo e xestión tributaria, o 'segundo paso' do Concello de Pontevedra para modernizar fisicamente as súas dependencias é inminente.
As obras da planta baixa de Michelena 30 están a piques de terminarse. Alí regresarán, tras o seu traslado temporal á Casa da Luz, tanto o rexistro como o padrón. A mudanza destes dous servizos realizarase na segunda quincena de agosto.
Esta planta baixa, ademais do rexistro e o padrón, contará tamén cun servizo de información á cidadanía. En total, haberá doce funcionarios atendendo ao público, que contarán con postos de traballo individuais.
Para evitar aglomeracións implantarase ademais un servizo de cita previa e haberá unha área de espera na entrada para que os cidadáns poidan manter o distanciamento social.
A edil de Persoal, Carmen Fouces, explicou que esta remodelación do edificio municipal de Michelena 30 formaba parte dunha planificación "a catro anos", pero o Concello tivo que "pisar o acelerador" como consecuencia da pandemia da COVID-19.
Así, o obxectivo desta reforma -deseñada por Nan Arquitectos e executada por Dapercons- era adaptar os postos de traballo á nova normativa sanitaria e garantir a seguridade das persoas que acoden a estas instalacións para realizar algún trámite.
"Son unhas instalacións modernas, actuais, funcionais, depuradas, perfectamente deseñadas e nas que o espazo está moi ben pensado", sinalou Fouces, que destacou que haberá "un antes e un despois" na atención ao público.
A maiores, colocaranse adhesivos no chan para sinalizar os fluxos de circulación ou o número máximo de persoas que poden coincidir no interior do inmoble.
Haberá ademais unha entrada exclusiva para os cidadáns que acudan ao rexistro ou ao padrón e habilitarase un segundo acceso, a través dunha porta lateral, para subir ao resto de plantas do inmoble, onde os cidadáns só poderán entrar con cita previa.
A partir de setembro, ademais, comezará a reforma da segunda planta deste edificio de Michelena 30, que tamén será adaptada á nova normativa de seguridade.
Con esta remodelación, iso si, desaparecerá a oficina que Abanca tiña dentro destas instalacións municipais. Fouces explicou que o Concello tentou manter este servizo, pero coa adquisición que o banco galego fixo de Caixa Geral -que ten unha oficina bancaria xusto enfronte- a entidade optou por suprimila.
Relacionadas:
-
O ano da covid-19 pecha con 84.830 habitantes en Pontevedra, tres máis que no 2019
Por Alejandro Espiño |
-
Haberá control de acceso no edificio municipal dos Ferreiros, a Casa Azul e o Chalé de Fontoira
Por Alejandro Espiño |
-
As oficinas do Padrón e Rexistro volven a Michelena 30 logo da súa reforma e adapación á nova normalidade
Por Redacción |
-
Rexistro e Padrón volven a vindeira semana ao edificio do Concello en Michelena 30
Por Redacción |
-
O Concello reforza o persoal de atención presencial á cidadanía e outros servizos municipais
Por Redacción |
-
O Concello activará desde este venres a cita previa por internet para a atención ao cidadá
Por Alejandro Espiño |
-
Para pedir o ingreso mínimo vital xa non haberá que acudir ao padrón municipal
Por Redacción |
-
O rexistro e o padrón municipal regresarán a Michelena 30 a mediados de agosto
Por Redacción |
-
A reforma de dependencias municipais ampliarase ao Pazo, ao Principal e á Casa do Concello
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |