A ausencia de limitación de aforo no transporte marítimo xera queixas entre viaxeiros a Ons
Por Marisa Ciordia
Do mesmo xeito que sucede entre viaxeiros de transporte terrestre ou aéreo, o medio marítimo tamén é obxecto de queixas entre usuarios que realizan os seus traxectos sen posibilidade de manter as distancias de seguridade nesta conxuntura pandémica, xa que a capacidade dos transportes vai ao completo. É o que sucedeu a pasada fin de semana entre usuarios da Navieira Nabia que se desprazaban ata a Illa de Ons.
Trasladaron as súas queixas ás redes sociais ante a incomprensión de ter que "viaxar pegados" sen que houbese asentos baleiros para manter as distancias de seguridade que recomendan as autoridades sanitarias. Esta situación responde, como indican desde o departamento de calidade de Nabia a que "no transporte terrestre e o marítimo está permitido por Decreto a ocupación do cento por cento do aforo. No mar, onde a normativa é moi estrita, o patrón xamais permite superar esa capacidade. E é obrigatorio o uso de máscara".
Ante estas queixas engaden que "podemos entender a súa interpretación: como imos manter a distancia de seguridade se o barco vai completo?, pois para iso está a máscara. O goberno contemplouno así e nós acatámolo". O barco ten unha capacidade para 250 persoas ás que se engaden outras catro pertencentes á tripulación.
A obrigatoriedade de manter a distancia de seguridade interpersoal, si se establece fóra do barco: despacho de billetes, o embarque e desembarque, ... a tales efectos a empresa ten unha persoa en cada peirao, como lles marca Capitanía Marítima, aínda que tamén apelan á responsabilidade de cada persoa e cada grupo durante a mobilidade nestes tránsitos.
En canto ao uso das máscaras, o persoal está pendente de que se cumpra e "os propios pasaxeiros indícannos se hai persoas que poidan incumprir o seu uso"; unha circunstancia que ratifica un dos pasaxeiros, apuntando que a tripulación tivo que chamar a atención a algunhas persoas que a levaban retirada "porque estaban a consumir unhas cervexas" e aínda que non se contempla a prohibicón para comer e beber no barco, si a de retirarse a máscara, polo que resulta inviable inxerir nada.
Outra das queixas manifestada por usuarios destas viaxes do pasado sábado 25 de xullo aludía a que "non vimos que o barco en que embarcamos de volta fixésese unha limpeza entre os que baixaban e os que subimos". A este respecto, desde a xerencia da navieira replican que "non podermos ter o barco parado media hora porque hai uns horarios de atracada autorizados que hai que cumprir. Por iso, conforme a pasaxe vai saíndo, vanse limpando os asentos con líquido higienizante. Cando todos saen, o normal é que todos os asentos estean limpos para a subida da seguinte pasaxe".
Desde a Consellería de Infraestructuras e Mobilidade reiteran o exposto: "Ao igual que acontece no transporte de viaxeiros en autobús, avión e tren, neste momento, as embarcacións poden ocupar todas as súas prazas, aínda que é obrigatorio o uso de máscara por parte dos usuarios, entre outras medidas de prevención". E, en calquera caso "as empresas teñen a obriga do cumprimento das medidas de hixiene e protocolos implantadas por causa da COVID-19".
Relacionadas:
-
Organizan dúas viaxes á illa de Ons desde o porto das Corbaceiras
Por Redacción |
-
A Xunta rifa ás navieiras pola súa relaxación nas medidas para evitar contaxios
Por Redacción |
-
Portonovo e Sanxenxo estrean viaxes regulares ata as illas Cíes
Por Redacción |
-
A illa de Ons estrea o mes de xullo cun número de visitantes de récord
Por Manu Otero |
-
Propoñen estender a tempada alta de visitas ás Illas Atlánticas ata o 15 de outubro
Por Redacción |
-
A conselleira de Medio Ambiente comparecerá a petición propia no Parlamento para falar dos accesos á Illa de Ons
Por Redacción |