O Capítulo Serenísimo do Albariño honrará nos actos deste ano aos colectivos que loitan contra a covid-19
Por Redacción
O Capítulo Serenísimo do Albariño deu a coñecer este luns o programa dos actos da Festa do Albariño que se desenvolverán o sábado e domingo, 1 e 2 de agosto, no Patio de Armas do Pazo de Fefiñáns en Cambados.
A programación verase reducida por mor da situación xerada pola covid-19, de xeito que se poida garantir a seguridade dos asistentes e galardoados.
Deste xeito, o sábado 1 de agosto, celebrarase nese escenario un Show Cooking que permitirá coñecer a maridaxe da produción do mar e do viño, así como o acto de irmandamento entre o Capítulo Serenísimo do Albariño e a Confraría portuguesa do Rabelo.
O domingo 2 de agosto, á partir das 12 da mañá, terá lugar o solemne acto de investidura das Damas e Cabaleiros do Albariño no que se fará tamén entrega das distincións e nomeamentos de Albariñenses de Honra. Esta edición, como ven sendo habitual, será presidida polo presidente da Xunta de Galicia en funcións e Gran Maestre do Capítulo Serenísimo do Viño Albariño, Alberto Núñez Feijoo, e presentado pola xornalista Susana López Carbia.
O Capítulo Serenísimo do Albariño honrará este ano ás persoas que traballaron e loitaron durante os meses máis duros da pandemia contra a covid-19, de xeito que se nomeará Cabaleiros do Albariño ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, "pola coordinación que se está a levar a cabo durante esta situación de crise", así como a José Manuel Martínez Costas, investigador principal para a vacina da covid-19 no Ciqus da USC.
Por outra banda, tamén se nomearan oito Albariñenses de Honra, todos eles, representantes de entidades, asociacións e profesionais que estiveron en primeira liña de loita durante esta pandemia: Brilat; Guardia Civil, Policía Nacional; Policía Autonómica; Policías Locais (Axempol); Axega e Consorcios de Bombeiros de Galicia; Protección Civil e Voluntariado (persoas de entidades e asociacións de reparto de alimentos, comedores sociais, persoal de empresas esenciais e outras asociacións de voluntarios) e Persoal Sanitario (061, persoal de residencias da Terceira Idade, e en especial, aos traballadores dos Servizos de Emerxencias).
O acto rematará coa actuación do gaiteiro Óscar Ibáñez, interpretando o himno do Antigo Reino de Galicia.
Para garantir a seguridade sanitaria, reducirase o número de asistentes tanto o sábado coma o domingo e ofrecerase desinfeccións de mans e zapatos, instalaranse distancias de seguridade e medirase a temperatura con cámaras térmicas.