O Concello de Vilagarcía solicita á Xunta que a Policía Autonómica reforce a vixilancia nos locais de lecer nocturno
Por Redacción
"Os órganos de inspección da Administración autonómica, no ámbito das súas competencias, poderán realizar as actividades de inspección e control oportunas para a vixilancia e comprobación do complimiento das medidas de prevención aplicables", así se recolle na Orde da Consellería de Sanidade do 30 de xuño e a ela apela o Concello de Vilagarcía para solicitar á Xunta de Galicia que reforce neste municipio a vixilancia dos protocolos de prevención da COVID19 nos locais de lecer nocturno que ata o momento realiza a Policía Local.
A xunta de goberno local reunida este luns, considerou que se fai necesario reforzar con axentes da Policía Autonómica o traballo que realizan os axentes locais, ante a previsión de que durante o mes de agosto se incremente a afluencia de persoas nestes establecementos, especialmente durante as datas das festas patronais. Ademais para planificar e coordinar a actuación, contémplase nas próximas semanas celebrar unha Xunta Local de Seguridade.
Durante esta fin de semana ata cinco establecementos de hostalería foron sancionados; en tres casos por ter terrazas instaladas fóra do horario permitido e noutros dous por incumprir os horarios de peche. Tamén se denunciou a tres persoas que non levaban posta a correspondente máscara. O Concello volve facer unha chamada de atención á poboación para que cumpra as normas de prevención no que incumbe a distancias de seguridade como a obrigación de levar máscaras.
A administración local tamén solicita ao sector da hostalería, tanto diúrna como nocturna, que respecten os protocolos de prevención e seguridade en vigor; así como os horarios establecidos. Pola contra, se continúa a tendencia das últimas semanas, advirte que se se corre o risco de que sexa necesario aplicar novas restricións neste sector.
Relacionadas:
-
Vilagarcía prorroga dous meses o contrato dos auxiliares de policía contratados para a tempada estival
Por Redacción |
-
Non haberá Festa da Auga en Vilagarcía pero si festexos por San Roque, adaptados ao Covid
Por Redacción |
-
Multitudinaria pelexa en Vilagarcía tras acusar a madrileños de "traernos o virus"
Por Redacción |
-
O coronavirus muda o Combate Naval de Vilagarcía: haberá espectáculos tamén en Vilaxoán e Carril
Por Redacción |