Evacuado en helicóptero un sendeirista tras sufrir unha caída na zona da fervenza da Fírveda
Por Redacción
Un home foi evacuado no helicóptero medicalizado do 061 tras sufrir unha aparatosa caída na contorna da Fervenza da Fírveda, no Concello da Lama.
Segundo informa o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, o ferido é un sendeirista que resultou lesionado tras caer na contorna das piscinas naturais.
Ao tratarse dunha zona de difícil acceso cun terreo rochoso e esvaradío, foi necesaria realizar a evacuación por aire, coa aeronave con base en Santiago que trasladou ao ferido a un centro hospitalario.
Debido á caída o home presentaba lesións por traumatismo nun ombreiro, confirma o 112.
Foi un compañeiro do sendeirista o que se puxo en contacto coa central de emerxencias, que pediu colaboración aos efectivos do 061, bombeiros, Garda Civil e Protección Civil.
O suceso produciuse ao redor das 18:30 horas da tarde do domingo.