Teñen que reconstruír a man dun traballador tras caerlle unha pedra enriba en Ribadumia
Por Redacción
Sobre as 12:30 horas, un traballador de 27 anos sufría o esmagamento da man dereita cando se encontraba traballando nas proximidades ao Centro de Saúde de Ribadumia para unha empresa de escavacións.
As causas do suceso aínda están a ser investigadas. Segundo fontes do servizo de Emerxencias do 112 ata o lugar onde se produciu o accidente se desprazou unha unidade do 061, a Garda Civil e Protección Civil de Ribadumia.
Precisamente fontes de Protección Civil indicaron que o ferido foi trasladado ao Hospital de Povisa en Vigo ao departamento de cirurxía plástica para intentar reconstruírlle a man.