Moraña renova o seu amor ao Carneiro ao Espeto en tempos de coronavirus
Por Redacción & Cristina Saiz
A situación sanitaria obrigou a cancelar moitas celebracións, outras en cambio modificaron a súa estrutura tradicional mantendo a súa esencia.
É o caso da Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña, que este domingo chegou á súa 51ª edición desafiando á pandemia.
Declarada como Festa de Interese Turístico, o Carneiro ao Espeto viviu o seu día grande co asado tradicional de 50 pezas para preto de 1.000 comensais. Iso si, nin o propio cociñado nin o xantar celebrábanse esta vez na céntrica Carballeira de Santa Lucía, senón que as comidas trasladáronse aos domicilios particulares. Ademais a hostalería despachou otros 30 cordeiros para unhas 500 persoas.
Os mestres asadores comezaron como cada ano ben cedo o seu traballo, ás 6.00 horas da mañá e esta vez na chaira do Multiusos na busca dun maior distanciamento entre as persoas participantes e espazo para as recollidas particulares en coche. Quedaban por diante unhas oito horas de traballo ata comezar a repartir os deliciosos lotes xa reservados previamente polos veciños.
Mentres tanto o resto de Moraña empapábase de celebración, con pasarrúas animando cada recuncho e un dos espectáculos programados na Carballeira, un monólogo do humorista Xosé Antonio Touriñán que chegou ao límite de 500 espectadores fixado como aforo máximo polas restricións do Covid.
Un Carneiro ao Espeto en definitiva diferente polas circunstancias pero co ánimo e bo ambiente que sempre lle caracteriza, esperando iso si poder volver á normalidade o próximo verán.
"Estamos moi satisfeitos de poder manter a nosa tradición e da resposta dos veciños", sinalou hai uns días a alcaldesa, Luisa Piñeiro, aínda que "botamos de menos a toda a xente que acudía do resto de Galicia e de España para abarrotar a nosa localidade e aos que esperamos ver o próximo ano".
Relacionadas:
-
O Carneiro ao Espeto máis seguro: 50 años para levar e comer na casa mil persoas
Por Redacción |
-
A Ruta dos Artistas de Moraña, punto de partida para a Festa do Carneiro ao Espeto máis inusual
Por Redacción |
-
Actividades familiares e unha exposición ao aire libre na senda de Portamós animarán a Festa do Carneiro
Por Redacción |
-
‘Espétalle un Pincho’ abre esta fin de semana as celebracións do ‘Carneiro ao Espeto’ de Moraña
Por Redacción |
-
De Vacas, Touriñán, Luis Emilio Batallán e Queimán e Pousa encabezan o programa da 51 Festa do Carneiro ao Espeto
Por Redacción |