Non haberá Festa da Auga en Vilagarcía pero si festexos por San Roque, adaptados ao Covid
Por Redacción
Vilagarcía quedará este ano sen unha das súas celebracións máis populares, a Festa da Auga que cada 16 de agosto congrega miles de persoas na localidade.
Esta celebración, xunto á subida do santo, a ofrenda floral e outros eventos multitudinarios caen do cartel de San Roque para evitar aglomeracións, pero si haberá actividades e concertos de formato reducido, ao aire libre e con control de aforo para adaptarse á situación sanitaria provocada polo coronavirus.
Así o confirmou este venres o Concello de Vilagarcía, facendo público parte do programa dunhas Festas de San Roque que se desenvolverán de 14 ao 23 de agosto.
Cun estrito protocolo de seguridade, entre os actos que figurarán no programa deste ano atópanse actuacións musicais na Xunqueira, un espectáculo de orquestra na Praza da II República, o Festaclown, o Folk no Alobre e á reconversión do Combate Naval nos espectáculos pirotécnicos aéreos en Vilaxoán, Vilagarcía e Carril.
Esta previsto presentar o programa completo das Festas de San Roque nos próximos días, avanza o goberno local.
Ademais, segundo sinalou o Concello en cuestión de protocolo para as actuacións, aínda que todo será de balde para asistir será necesario reservar praza polo sistema que se dará a coñecer na presentación do programa. Tamén terán que darse os datos persoais para levar un rexistro que permita, en caso de ser necesario, facilitar os labores de rastrexo por parte das autoridades sanitarias.
Vilagarcía, que pretende coas festas apoiar ao sector cultural local e galego ademais de dinamizar a economía local, confía en que os veciños poidan gozar das súas festas nun ano tan atípico, coa que esperanza de poder retomar o formato tradicional dos festexos en 2021.
Relacionadas:
-
Vilagarcía suspende o espectáculo pirotécnico e a Noite de Meigas polo avance do coronavirus
Por Redacción |
-
Os concertos de San Roque adiántanse ás 22.00 horas para axustarse ás novas medidas anticovid
Por Redacción |
-
O Concello de Vilagarcía solicita á Xunta que a Policía Autonómica reforce a vixilancia nos locais de lecer nocturno
Por Redacción |
-
O coronavirus muda o Combate Naval de Vilagarcía: haberá espectáculos tamén en Vilaxoán e Carril
Por Redacción |