O mercado ambulante do Grove continuará en Beiramar todo o mes de agosto
Por Redacción
Despois dun mes na súa nova localización, na avenida de Beiramar, o Concello do Grove considera que este traslado está a dar moi bos resultados e, por iso, avanza que continuará nesta mesma zona durante todos os venres do mes de agosto.
A avenida de Beiramar permite, destacan desde o goberno municipal, que os postos se coloquen en liña, sen crear corredores angostos que poidan supoñer unha acumulación de persoas, co conseguinte risco para a saúde que isto significaría.
A experiencia destas semanas resultou complexa para os vendedores, servizos municipais e incluso para os compradores, pero o resultado xeral resulta "positivo", celebran desde o Concello, ao facilitar a dinamización desta actividade.
Nestas semanas en que o incremento dos visitantes de fóra da localidade que se achegan ao mercado é notable, as autoridades chaman especialmente a atención sobre o emprego obrigatorio de máscaras de xeito permanente, así como sobre o uso reiterado de xel hidroalcólico e o mantemento da distancia de seguridade.