O Sergas porá en marcha a atención telefónica para medicina familiar
Por Redacción
O Servizo Galego de Saúde puxo en marcha o pasado 13 de xuño un proxecto piloto de atención non presencial en atención primaria. O proxecto consistiu en ofrecer aos pacientes a posibilidade de consultar telefonicamente co seu profesional médico de familia, de enfermería ou de pediatría e a iniciativa realizouse en sete centros de saúde de todas as xerencias de atención primaria. Na provincia de Pontevedra o centro elixido foi o de Cerdedo.
Según informan dende o Sergas das 2.844 consultas realizadas durante o mes do piloto, atendéronse telefonicamente a un total de 345 pacientes, o que representa 12,13% das consultas (12,35% adultos e 10,43% pediátricos). Do total de atencións telefónicas, só o 2,57% foron derivados a consulta presencial.
A valoración dos pacientes que foron atendidos mediante consulta non presencial foi "moi positiva", coincidindo nesta valoración cos profesionais.
O obxectivo do Servizo Galego de Saúde para o último trimestre do ano é iniciar a extensión da atención non presencial da prestación a toda Galicia para medicina familiar e comunitaria, e no primeiro trimestre de 2014, a extensión a pediatría e enfermería en toda a comunidade.