Os turistas de zonas con alta incidencia da COVID-19 terán que rexistrarse ante Sanidade
Por Redacción
Todos os viaxeiros que cheguen a Galicia procedentes de territorios cunha alta incidencia epidemiolóxica pola COVID-19 deberán proporcionar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, informando entre outras cuestións do lugar no que estarán e o tempo de estancia.
Esta medida, que tamén será para os galegos que regresen desas mesmas zonas, é de carácter obrigatorio para os que, catorce días antes de chegar a Galicia, estiveran nestas rexións. Para o resto dos viaxeiros será voluntario.
Terán 24 horas dende a súa chegada a Galicia para comunicar os seus datos de contacto e é un trámite que terá que realizar cada un dos viaxeiros.
A Consellería de Sanidade publicará cada quince días a lista de territorios considerados de alta incidencia, que poderán ser tanto países estranxeiros coma outras comunidades autónomas.
Para proporcionar esta información, poderase cubrir o formulario que estará dispoñible na web https://coronavirus.sergas.gal/ ou achegar os datos chamando ao teléfono 881 00 20 21.
A todos os viaxeiros facilitaráselles un contacto por se tivesen algún tipo de sintomatoloxía, ben a través do seu médico de cabeceira se son residentes con tarxeta sanitaria en Galicia, ou a través do número de teléfono anteriormente citado para aqueles que non dispoñan dela.
Tamén se lles proporcionará información e recomendacións sanitarias e poderán adoptarse as medidas de seguimento, recoñecemento e control que se consideren necesarias.
Así, por exemplo, no caso de persoas que veñan de territorios cun risco máis alto, independentemente de que teñan sintomatoloxía ou non, podería promoverse a realización dunha proba diagnóstica.
Os establecementos de aloxamento turístico estarán obrigados a informar desta medida aos seus clientes, así como os responsables de axencias de viaxe, operadores turísticos, compañías de transporte aéreo ou marítimo ao inicio do proceso de venda dos billetes.
Tamén deberán facelo ás empresas que despracen aos seus traballadores por motivos laborais.
Esta iniciativa posta en marcha pola Xunta de Galicia busca protexer a saúde dos cidadáns mediante a prevención, buscando un diagnóstico máis precoz de calquera infección polo virus.
Relacionadas:
-
Cinco comunidades e máis de 100 países, na lista de 'alta incidencia' de coronavirus para a Xunta
Por Redacción |
-
Sanidade recomenda limitar as reunións sociais a un máximo de 25 persoas
Por Redacción |
-
A área sanitaria rexistra nas últimas 24 horas dous pacientes curados e dous positivos novos por coronavirus
Por Natalia Puga |
-
Galicia descarta "a día de hoxe" pechar o lecer nocturno e celebra o uso "xeneralizado" de máscaras
Por Alejandro Espiño |