Crean un selo de compromiso para mercar no comercio local "con total confianza"
Por Redacción
Identificar os comercios de Poio nos que se pode mercar "con total confianza". É o principal obxectivo do selo de compromiso que activou o programa Poio Confía. Poderán contar con el todos os establecementos do municipio que cumpran todos os protocolos de seguridade.
A través de Poio Confía, unha iniciativa das concellerías de Promoción económica e Turismo, buscan que o municipio sexa un "referente" en canto a medidas que mostren confianza e motivación por mercar nos comercios locais.
Todos os negocios instalados no concello poderán adscribirse á marca Poio Confía, visibilizando así todas as medidas e o esforzo que a cidadanía está a facer para evitar a propagación da COVID-19.
Para poder contar con este selo, os comercios deben comprometerse a adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos, tanto de exposición como de propagación do COVID-19 e informar de forma axeitada á clientela das medidas de seguridade implantadas.
Ademais, deberán respectar as medidas de aforo, entrada e saída do establecemento, implantar un plan de limpeza e desinfección acorde coa súa actividade, fomentar o teletraballo nos casos que sexa posible ou coordinarse coas empresas provedoras.
O decálogo inclúe ademais aportar todos os coñecementos necesarios aos traballadores, crear espazos de confianza e seguridade, apoiar aos demais negocios do municipio e colaborar coas administracións para cumprir cos requirimentos da situación de nova normalidade.
Poio Confía leva dende a súa andadura -hai menos dun mes- máis de 30 asesoramentos personalizados e 20 negocios visitados para dar resposta ás dúbidas acerca das medidas a ter en conta polo COVID-19.
Relacionadas:
-
Preto de 100 empresas e negocios foron asesorados a través do programa Poio Confía
Por Redacción |
-
Asesoramento personalizado para 40 empresas de Poio na xestión da situación derivada da Covid-19
Por Redacción |
-
O Concello impulsa o programa 'Poio Confía' para apoiar o tecido empresarial do municipio
Por Redacción |