A compostaxe a domicilio xera xa 1,3 toneladas diarias de residuos orgánicos
Por Alejandro Espiño
O proxecto piloto posto en marcha na cidade de Pontevedra para a recollida de residuos orgánicos en domicilios e pequenos produtores está a ter unha acollida "extraordinaria", segundo celebra o goberno municipal. Están a superarse as expectativas, engaden.
Tras dúas semanas de funcionamento, ao plan ComPOsta adheríronse 201 produtores singulares, é dicir fruterías, supermercados ou restaurantes, e 300 domicilios particulares.
A recollida de biorresiduos foi evolucionando progresivamente. Así, fronte os 400 quilos que se depositaban nos contedores marróns nos primeiros días, actualmente alcanzáronse os 1.300 quilos diarios.
O edil responsable da xestión de residuos, Raimundo González, lembra que o obxectivo do Concello era que, a final de ano, se puidesen recoller unhas 6 toneladas diarias, polo que destaca que en apenas dúas semanas xa se chegou case ao 25% dese obxectivo. A este ritmo, engadiu, esas seis toneladas ao día poderíanse superar nuns dous meses.
Ademais, o concelleiro apuntou que estes datos son "moito mellores dos agardados", xa que lembra que o sistema activouse nunha situación "adversa", coa incidencia da COVID-19 por unha banda e polo verán polo outro, con moitos pontevedreses gozando das súas vacacións en segundas residencias.
Os residuos orgánicos, que se recollen a diario dos contedores marróns, están a ser trasladados en camión unha vez á semana a unha planta de tratamento de Leiro (Ourense), onde, segundo Raimundo González, están "sorprendidos" da calidade dos biorresiduos, xa que apenas aparecen impropios entre eles.
"É certo que nós traballamos coas cartas marcadas", recoñece González, xa que os contedores marróns non están abertos ao público e só poden utilizalos, mediante unha chave electrónica, as persoas que se adheriron a este sistema e que son, por tanto, xente cun "grao de concienciación elevado".
Para as próximas semanas, o Concello e a empresa Ferrovial Servicios continuarán coa campaña de sensibilización porta a porta para lograr que máis cidadáns se sumen a esta iniciativa que, por agora, despregouse no centro histórico e o ensanche da cidade.
Relacionadas:
-
Uns 1.000 domicilios e establecementos de Pontevedra participan xa no programa Composta
Por Redacción |
-
Este luns 17 volven as visitas a vivendas particulares dentro do Plan Composta
Por Redacción |
-
Estudan ampliar os centros de compostaxe de Campolongo tras un "espectacular arranque" do servizo
Por Redacción |
-
Os contedores marróns do centro histórico só se colocarán de noite
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra desprega os contedores marróns para a compostaxe domiciliaria
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |