Vilagarcía de Arousa denuncia unha conta de Instagram por suplantación de identidade
Por Redacción
A suplantación de identidade que, segundo o Concello de Vilagarcía de Arousa está a sufrir por parte dun usuario da rede social Instagram, chegará aos xulgados. O goberno municipal presentará unha demanda contra os responsables da conta "VilagarcíadeArousa".
O Concello entende que este perfil está creando confusión entre o público que pensa que os comentarios engadidos e as respostas que se dan son realmente realizados pola administración local.
A decisión de demandar xudicialmente a esta conta chega, segundo o goberno municipal, despois da negativa do usuario a atender a petición realizada en varias ocasións desde o Concello para que modificase o nome da conta ou lle engadise un apóstrofe para que non inducise a posible confusión.
Ademais da propia denominación desa conta, outro dos aspectos que fai á xente pensar erroneamente que se trata dun medio oficial do Concello é que utiliza o logotipo e o escudo oficial de Vilagarcía ou imaxes de campañas impulsadas pola administración municipal.
Todas estas coincidencias, xunto coa recollida de contidos das contas oficiais do Concello, fan crer que se trata dun medio oficial e que os comentarios que se realizan nel tamén o son o que, segundo o Concello, incide negativamente na imaxe da administración local en canto a posibles comentarios errados, sesgados ou que se fan nun ton que non é axeitado.
Ademais, moitos usuarios poden verse inducidos a trasladar preguntas, mandar fotos ou facer comentarios a esa conta pensando que chegan ao Concello, cando realmente non é así, creando un grave prexuízo tanto para o Concello como para os usuarios.
A maiores das accións que se poidan realizar directamente ante a plataforma Instagram, o goberno xa dou orde aos servizos xurídicos do Concello de redactar a demanda.