Tráfico vixiará esta semana a velocidade en estradas secundarias e vías urbanas
Por Redacción
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) iniciará este luns 19 de agosto unha campaña de control de velocidade que incidirá maioritariamente nas estradas convencionais e tamén nas vías urbanas, grazas á colaboración dos Concellos. O obxectivo é reducir a velocidade media nestas vías, diminuír os niveis alcanzados de grandes excesos de velocidade, e concienciar os condutores da relación entre unha velocidade inadecuada e os accidentes no ámbito urbano e interurbano, que derivan fundamentalmente no atropelo de peóns ou viandantes.
A campaña desenvolverase durante toda a semana, ata o domingo 25, e estará coordinada polos xefes provinciais e os xefes dos subsectores das catro provincias, os cales confeccionaron conxuntamente os percorridos a desenvolver para que o número de vehículos controlados sexa maior que o de campañas de anos anteriores, así como polo Centro de Xestión do Tráfico do Noroeste. Para a realización da Campaña utilizarase o máximo número de medios humanos e materiais dispoñibles, segundo notifica a DXT.
A Dirección Xeral de Tráfico recorda que esta campaña non suporá unha diminución da vixilancia noutros lugares. Nuns casos formularanse denuncias sen notificación inmediata e noutros procederase á identificación do condutor e á notificación in situ para potenciar o efecto pedagóxico ao tratarse de infracción-denuncia, en relación especialmente co permiso por puntos.
Ademais, tanto os paneis de sinalización variable coma as pantallas alfanuméricas dos vehículos da Agrupación de Tráfico da Garda Civil que se encontren nas inmediacións, advertirán aos condutores da existencia próxima de controis.
INCIDENCIA DA VELOCIDADE
Segundo a DGT, a incidencia negativa que ten a velocidade inadecuada, non só ocasionando gran número de accidentes mortais senón sobre o medio, a calidade de vida e o consumo de combustible, fai necesario seguir incrementando os esforzos no seu control e vixilancia. Trátase de conseguir que a velocidade excesiva ou inadecuada sexa considerada socialmente incompatible coa seguridade vial a semellanza do alcohol ou a falta de uso do cinto ou do casco.
En zonas urbanas, a velocidade é igualmente determinante por canto aumenta considerablemente o risco de morte dun peón tras ser atropelado, de aí a importancia da observancia dos límites e, consecuentemente, a colaboración dos Concellos na campaña.
Preténdese así diminuír os niveis alcanzados de grandes excesos de velocidade, tendo en conta que un 5% de descenso supoñería unha diminución do 20% dos accidentes mortais que se producen.