A feira de artesanía Chalana abre en Pontevedra e a súa excepcionalidade atrae a novos participantes
Por Redacción
A feira de artesanía Chalana quedaba inaugurada este mércores 22 na praza da Ferrería onde se manterá ata o 16 agosto prolongando así a súa apertura habitual. Unha feira ademais que para o sector resulta case unha excepcionalidade neste verán, dadas as sucesivas suspensións que estas convocatorias están a rexistrar.
Para boa parte, se non a totalidade dos doce postos participantes, é a primeira feira á que acoden tras a declaración da pandemia en España. Por iso é polo que haxa novos artesáns nesta XIII edición, vindos de Galicia e de fóra da Comunidade. É o caso de Ramón Martínez, procedente de Madrid; estaban habituados a participar en "grandes feiras" pero esta tesitura tróuxolles a Pontevedra "a probar a ver que tal porque hai moitas pechadas ou suspendidas e está a situación difícil". Esta é a primeira para eles desde febreiro e tras esta "polo momento, pouca cousa".
Na súa apertura oficial participou a concelleira de Festas, Carmen da Silva e o concelleiro Xaquín Moreda, acompañados de Edita Rodríguez, portavoz dos artesáns quen animaba ao público a que acuda á feira "onde se cumpren os protocolos de hixiene e protección e porque é un momento no que hai que fomentar o consumo local e as pequenas propostas".
Durante o seu percorrido por cada un dos postos, recibiron felicitacións pola decisión de manter a súa celebración. Carmen da Silva sinalou respecto diso que "tomamos a decisión de que había que retomar a vida nas nosas prazas e facer unha aposta polo propio e o próximo. No caso de Chalana, os artesáns a única maneira que teñen para visibilizar o que fan é a través destas feiras. Por iso parecíanos importante facelo, non só porque Pontevedra gaña, senón porque é unha necesidade que ten o sector e que como administración pública temos que apoiar".
Ademais da ampliación de datas, esta edición tamén varía o horario de apertura ao público que pasa a ser de once do mediodía ata as dúas e polas tardes atrasa a apertura ata as sete pero mantense ata as dez e media da noite, o que facilita a afluencia de público ao coincidir con outros eventos previstos neste emprazamento.
Relacionadas:
-
Aberta a feira de artesanía Chalana na praza da Ferrería
Por Cristina Saiz & María José Pita |
-
O Burgo celebra o Santiaguiño máis atípico
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Música 'made in Pontevedra' soa nas rúas da cidade co ciclo 'Sondeaquí'
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
As bandas de música locais piden paso nas Festas de Verán de Pontevedra
Por Redacción |
-
As Festas de Verán estrean programación infantil
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Pasarrúas, artesanía e o Memorial Ricardo Portela inauguran as Festas de Verán
Por Redacción |
-
Nova regulación dos produtos artesanais alimentarios e impulso á marca Galicia Calidade
Por Redacción |