O Grove pecha a billa da auga nas praias tras detectar un uso "abusivo e inadecuado"
Por Redacción
Hai anos, O Grove foi un dos primeiros concellos que, non sen polémica, decidiu eliminar as duchas das praias para reducir o consumo de auga. Só quedaron dispoñibles os lavapés nos principais areais. Pero o Concello está a detectar que o seu uso tampouco é correcto.
Este servizo está pensando, recordan desde o Concello, para que as persoas poidan eliminar as areas dos pés antes de subir aos seus vehículos, pero en lugar diso lávanse xoguetes, materiais de surf, roupa e incluso se recolle auga en recipientes para realizar limpezas máis amplas.
A isto súmase que, ante a situación actual de pandemia, as autoridades sanitarias non aconsellan que se conserven focos que poden dar lugar ao contaxio, ao acumularse moita xente en torno aos puntos de subministración de auga.
Por iso, ante os "alarmantes" datos de consumo de auga nas praias, o goberno municipal tomou a decisión de pechar estas fontes.
Este uso "abusivo e inadecuado" da auga, segundo o Concello, obriga a informar ademais ás persoas usuarias da praia de que é necesario que fagan unha xestión máis ecolóxica e consciente da súa visita aos areais.
Esta medida de coidado do medio ambiente será de aplicación inmediata.