Non haberá cambios nas axudas municipais a autónomos e microempresas
As axudas aprobadas polo Concello para autónomos e microempresas cuxa actividade se viu afectada pola COVID-19 non introducirán novos cambios. Así o acordou o pleno da corporación municipal que, cos votos de BNG e PSdeG-PSOE, rexeitou a moción coa que o PP pedía que se reformularan as liñas de subvención.
O portavoz popular Rafa Domínguez, ademais de denunciar que estas axudas "se solapan" coas subvencións impulsadas pola Xunta de Galicia reclamou ao goberno que "empecen a acordar" coa oposición as medidas para a reactivación económica da cidade.
Domínguez, que volveu a reclamar que se reduza de maneira "puntual" a fiscalidade de empresas e autónomos afectados pola crise, lamentou que para acceder a estas axudas os interesados teñan que facer investimentos "porque ahora mismo muchos no pueden".
"Cuando alguien se ahoga no quiere un gintonic, quiere un flotador", sinalou o líder dos populares.
César Mosquera, edil do BNG, defendeu pola súa banda as axudas aprobadas polo goberno municipal e explicou que o Concello, para abordar a falta de liquidez do sector, ofrecerá adiantos de diñeiro para poder iniciar as actuacións que integran estas subvencións.
Estas axudas están dotadas con 1.250.000 euros pero, segundo Mosquera, poderanse ampliar no caso de que se esgote todo o crédito dispoñible.
Esta partida ía incluída na modificación de crédito que, por valor de 3.435.000 euros, aprobou o pleno da corporación e que permitirá afrontar, entre outros, obras de accesibilidade urbana, a reforma do parque de bombeiros ou reforzar as subvencións a clubs deportivos e as axudas de emerxencia social.
A sesión plenaria deste luns autorizou, noutra orde de cousas, unha modificación do cadro de persoal do Concello e a adhesión de Barro e A Lama á mancomunidade turística Terras de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O Concello xa ten as bases para as axudas a autónomos e pemes pola pandemia
Por Manu Otero |
-
Os populares piden destinar o superávit do Concello aos sectores máis afectados pola pandemia
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra ten reserva de máscaras e xel hidroalcohólico para tres meses
Por Alejandro Espiño |
-
A corporación insta ao Sergas a repoñer "sen máis dilación" o médico en Ponte Sampaio
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Ciudadanos expulsa a Goyo Revenga, o seu único edil en Pontevedra, por tránsfuga
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pide "refacer" as axudas a autónomos e microempresas para que sexan "eficaces"
Por Alejandro Espiño |
-
Proxectan remodelar as instalacións do parque de bombeiros de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |