A corporación insta ao Sergas a repoñer "sen máis dilación" o médico en Ponte Sampaio
Coa única abstención de Ciudadanos, a corporación municipal de Pontevedra instou ao Servizo Galego de Saúde a repoñer "sen máis dilación" o médico no consultorio de Ponte Sampaio, sen facultativo desde que se decretou o estado de alarma pola COVID-19.
O Concello comprométese, en virtude deste acordo apoiado por BNG, PSdeG-PSOE e PP, a colaborar coas autoridades sanitarias na procura de espazos alternativos para dispoñer dun lugar "axeitado" no que pode ampliar o actual consultorio, que resulta insuficiente ante os protocolos de seguridade aprobados pola pandemia.
Así foi despois de que dous edís do BNG presentasen un voto particular, convertido posteriormente en emenda, para modificar a moción presentada polos populares, na que se instaba ao goberno municipal a ceder a biblioteca de Ponte Sampaio ao Sergas para poder garantir de novo a atención médica.
Rafa Domínguez defendeu que converter a biblioteca na consulta do médico é "a priori" unha solución "fácil, asumible y rápida" para que Ponte Sampaio recupere este servizo "en condiciones de seguridad" para os pacientes e para os propios profesionais.
O edil nacionalista Raimundo González sinalou, pola súa banda, que esta biblioteca foi cedida en 2005 aos veciños da parroquia, polo que sería "ilegal" cedela a un terceiro e asegurou que existen "múltiples" espazos que poden ser acondicionados para o médico.
"Hai sitios dabondo pero o Sergas parece que non ten o máis mínimo interese", sinalou González, ante o cal o portavoz do PP pediulle que "deje de enredar" e que o goberno municipal ofreza esta biblioteca "y si quiere poner más locales, adelante".
PAVILLÓN DE VERDUCIDO
Pola súa banda, non prosperou a moción presentada polo edil popular Guille Juncal na que reclamaba ao goberno municipal o arranxo do pavillón de deportes de Verducido, en "mal estado", segundo dixo, polo "nulo compromiso" do Concello co rural e polo "deixamento" á hora de abordar o seu mantemento.
Esta iniciativa só contou co voto favorable do PP e a portavoz do BNG, Carme da Silva, lembrou que estas instalacións "nin son municipais nin son un pavillón deportivo", xa que son propiedade da comunidade de montes. Ademais, lembrou que a súa construción foi executada "sen autorización" e que non conta con licenza de ocupación.
Da Silva sinalou que o Concello está disposto a "estudar" a forma de regularizar a situación deste inmoble, pero lembrou que en todo caso a responsabilidade sobre o estado deste centro deportivo recae sobre os comuneiros.
Relacionadas:
-
Ponte Sampaio, A Canicouva e Soutomaior volven saír á rúa contra o "desmantelamento da sanidade pública"
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A veciñanza de Ponte Sampaio lamenta que o Sergas non concrete data para o regreso do médico
Por Redacción |
-
A Xerencia comprométese a manter o servizo de medicina e enfermaría no consultorio de Ponte Sampaio
Por Oskar Viéitez |
-
Velorio en Ponte Sampaio para escenificar "a morte da sanidade pública" na parroquia
Por Redacción |
-
Non haberá cambios nas axudas municipais a autónomos e microempresas
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Ciudadanos expulsa a Goyo Revenga, o seu único edil en Pontevedra, por tránsfuga
Por Alejandro Espiño |
-
O PP pide "refacer" as axudas a autónomos e microempresas para que sexan "eficaces"
Por Alejandro Espiño |
-
Proxectan remodelar as instalacións do parque de bombeiros de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |