Lores, convidado por un xornal portugués a falar en Lisboa de Pontevedra como exemplo de cidade post Covid-19
Por Natalia Puga
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, falará o vindeiro xoves 23 de xullo en Lisboa sobre Pontevedra como exemplo de cidade que, coa recuperación de espazos públicos e a prioridade da mobilidade peonil, se adapta á realidade da era post Covid-19.
A voceira do Goberno local, Anabel Gulías, deu a coñecer este luns que o convite chega a través do xornal portugués Diário de Notícias, que promove no café A Brasileira do Chiado de Lisboa un debate no que se analizará o modelo Pontevedra.
A cita será a primeira na que Lores participe de xeito presencial desde o inicio da pandemia do coronavirus. Nos últimos meses recibiu convites similares e en todos participou vía telemática, pero nesta ocasión trasladarase á capital de Portugal. Será este xoves 23 de xullo ás 18 horas (19 hora galega) e poderá seguirse en directo no canal Sapo.pt.
Este xornal portugués xa falou de Pontevedra en ocasións anteriores e nesta ocasióni promove unha serie de debates para reflexionar sobre como a pandemia debe mudar a cidade, convidando experiencias e exemplos que funcionen, segundo a organización, como "noticias inspiradoras".
Miguel Anxo Fernández Lores falará, segundo avanzou Gulías, de como as cidades deben plantar cara a unha emerxencia sanitaria como esta, pois durante a pandemia hai moitas cidades que están a realizar reformas e tomando decisións de urxencia para adecuarse á nova situación e, a medida que van tomando este tipo de decisións, van poñéndose en contacto con Pontevedra "para ver como fixemos ou para ver como se comportou a nosa cidade".