Ciudadanos Sanxenxo critica a Telmo Martín pola xestión do verán: "está a ser catastrófica"
Por Redacción
Continúan as críticas ao Partido Popular de Sanxenxo pola xestión do verán. "Está a ser castastrófica" destacou este domingo a concelleira de Ciudadanos, Vanessa Rodríguez Búa que lembrou que "estamos en pleno mes de xullo e o alcalde segue coas súas ocorrencias".
A responsable municipal sinalou que parcelar Silgar nunca foi a solución e no canto de xerar sensación de seguridade fronte ao Covid-19, provocou máis preocupación na xente. "No canto de rectificar, o goberno mantén ese despregamento de postes e cordas en Silgar que o único que provocan é que o espazo da praia véxase moi reducido, xa que ninguén ocupa a parte parcelada. Cremos que xa é hora de deixarse de experimentar, recoñecer que ese sistema non funcionou, que está a ser claramente rexeitado polos usuarios da praia e que sería mellor retiralos e controlar que se manteña a distancia, como se está facendo nas demais praias".
Para a concelleira de Cs Sanxenxo, a situación que está a xerar o goberno de Telmo Martin é moi grave. "Todos estamos ante unha situación que de por se xa nos crea inseguridade e o alcalde de Sanxenxo no canto de poñer medidas para aliviar esa incerteza, dedícase a xerar aínda máis confusión". Así, afirma que "en pleno verán atopámonos cun plan de peonalización do Paseo de Silgar de forma sorpresiva, do que nin sequera teñen información os informadores que Telmo contratou este verán".
Rodríguez Búa tamén criticou que hai locais de noite abarrotado incumprindo a normativa de seguridade antiCovid contra os que non se tomou medida algunha, falta de socorristas xa que preferiron irse a outros Concellos a traballar, estradas de acceso ao pobo sen pintar (PO-308 á altura de Dorrón), piscina pechada porque aínda non se adquiriu a climatizadora que hai anos sábese que se necesita ou traballadores do Concello manifestándose. "Por encima de todo, seguimos sen o Plan de Continxencia en caso de rebrote que desde Ciudadanos Sanxenxo levamos reclamando desde hai meses."
Por último, a concelleira sinalou que a situación é lamentable e que "este debía ser o verán da anticipación e da seguridade. Telmo Martin está a convertelo no da incerteza e dos experimentos errados".