Arranca o plan de dinamización 'Moraña Actívase' para impulsar a actividade do comercio e a hostalaría
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de arrancar o plan de dinamización económica 'Moraña Actívase', co que se pretende impulsar a actividade dos sectores do comercio e a hostalaría tras os case tres meses de peche e de forte parón da súa actividade como consecuencia da crise sanitaria do coronavirus.
Por este motivo, a alcaldesa, Luisa Piñeiro, e a concelleira María José García mantiveron un encontro coa representante da firma Ydea Web, que será a que desenvolverá o proxecto. Ademais, a rexedora anunciou a convocatoria dunha xuntanza con todos os comerciantes e hostaleiros do municipio para o vindeiro mércores 22 ás 21:00 horas no Multiusos co obxectivo de presentarlles á empresa, dar a coñecer a iniciativa e escoitar de novo as súas suxestións.
Piñeiro, que agarda que a iniciativa xenere unha boa participación e unha sinerxia favorable de toda a comunidade para impulsar a recuperación do comercio e a hostalaría, anunciou que o plan desenvolverase durante os vindeiros sete meses, ata finais de ano, e que nese momento analizarase o informe de resultados para decidir se é preciso extendelo tamén ao 2021.
En canto ao contido deste proxecto, centrarase na creación dunha identidade única que, baixo o paraugas do lema 'Moraña Actívase', apostará pola canle accesible que supoñen as redes sociais para tratar de outorgar unha gran difusión ao comercio e a hostalaría de Moraña. Así, vaise tratar de chegar á clientela e ao público a través de accións de sensibilización sobre a economía centrándose en aspectos emocionais, como as peculiaridades, cercanía, traxectoria, exclusividade e especialización;iniciativas de visibilización que xeneren confianza sobre seguridade sanitaria e hixiene; medidas de fomento da participación dos veciños; e actividades xurdidas dende os propios establecementos.
Para elo, e a través dun plan de markéting que incluirá un estudo do comercio local, explotaranse as fortalezas de Moraña a través das redes sociais Facebook e Instagram con publicacións periódicas semanais, servizo de atención ao cliente, accións de dinamización e interaccións con empresas e persoas de referenza no sector.