Os hospitais da área sanitaria volven estar libres de Covid-19
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés volve estar libre de Covid-19 nos seus hospitais, pero este venres rexistra un novo caso activo de coronavirus que eleva a oito o total de positivos. Trátase dun médico de familia do centro de saúde de Baltar, en Sanxenxo.
Segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde, este venres 17 de xullo contabilízanse oito casos fronte aos sete de hai 24 horas, pero a vertente positiva do balance da xornada é que xa non hai ningún paciente hospitalizado. Este xoves uno permanecía en planta do Hospital Montecelo.
Así, a área sanitaria non ten ningún paciente con coronavirus hospitalizado en planta nin en área de coidados críticos nin no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, nin no Hospital do Salnés nin no QuirónSalud Miguel Domínguez e os oito casos activos están a evolucionar nos seus domicilios
Desde o inicio do plan de continxencia do COVID-19 curáronse 901 pacientes, ningún na última xornada, e faleceron por este virus na área sanitaria 16 pacientes.
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 224, deles 27 son da área da Coruña, 160 da de Lugo, 4 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 17 da área de Vigo, 7 da de Santiago, e 1 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 1 permanece en UCI, 6 están en unidades de hospitalización e 217 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.034 persoas curadas e rexistráronse 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 229.082 e tan só hai un caso activo de coronavirus en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Dos 224 casos positivos na comunidade, un é un profesional dun centro residencial. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
A área sanitaria contabiliza nove casos activos de coronavirus, un máis que o venres e ningún no hospital
Por Natalia Puga |
-
Todos os compañeiros do médico con coronavirus de Baltar dan negativo na PCR e continúa o control sobre os pacientes
Por Natalia Puga |
-
Unha comida familiar con dúas persoas chegadas de Madrid, posible foco de contaxio do médico de Baltar
Por Natalia Puga |
-
Activan os protocolos anti Covid-19 ao chegar 13 peregrinos con febre ao albergue de Vilanova
Por Natalia Puga |
-
O positivo por Covid-19 dun médico activa o protocolo para rastrexar contactos e desinfectar o centro de saúde de Baltar
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra, sen novos positivos por COVID-19 por segundo día consecutivo
Por Alejandro Espiño |