Educación concede o desdobramento das aulas nos centros de Sequelo e Carballal
Por Redacción
O CEP Sequelo e o CEIP Carballal contarán cun desdobramento de aulas no vindeiro curso, unha petición realizada polos representantes das ANPAS ante as numerosas solicitudes de matrícula presentadas. Isto producía situacións desconcertantes como que familias que vivían nas proximidades do centro quedasen sen praza nestes colexios e tivesen que desprazarse a outros puntos do municipio.
Finalmente, a Consellería Educación accede a que pasen a converterse en centros de liña, o que permitirá que haxa un menor número de estudantes por aula xa que na actualidade había máis de 25 escolares matriculados nalgunhas das aulas destes centros.
O tema provocou un tenso debate durante o pleno celebrado o 13 de xullo no Concello de Marín. A agrupación local do PSOE presentaba unha moción que era rexeitada pola maioría coa que conta o Partido Popular que lidera a alcaldesa María Ramallo. Na moción solicitábase o desdobramento das aulas ante a masificación que rexistraban ámbolos centros e ante as recomendacións das autoridades sanitarias para que poida desenvolverse o próximo curso coas garantías necesarias. Durante a sesión tamén tomou a palabra unha representante dos centros escolares para explicar a problemática.
O Partido Popular sinala agora que rexeitou esta moción porque, como explicaba a concelleira de Educación Marián Sanmartín durante a sesión, tratábanse expedientes que aínda non foran resoltos pola Inspección Educativa porque o prazo de presentación de solicitudes finalizara só tres días antes.
Segundo o goberno local, finalmente a decisión da Consellería de Educación permite que Marín gañe dúas unidades educativas en dous centros públicos de Infantil e Primaria.
Tanto o PSOE como o BNG rexeitaron a actitude do PP ao non apoiar a moción criticando a actitude da concelleira Marián Sanmartín. A formación nacionalista tamén lamenta que a Xunta non concedera a liña ao centro do Grupo Escolar ao entender que o protocolo para facer fronte á Covid-19 presentado pola administración autonómica permitindo a presenza de 25 menores de educación infantil nunha mesma aula sexa o máis seguro.
Relacionadas:
-
Desinfección e limpeza tres veces ao día nos aseos dos colexios de Marín
Por Redacción |
-
A conselleira asegura que as obras no Colexio do Carballal estarán rematadas para o inicio do novo curso
Por Oskar Viéitez |
-
As familias do Colexio Sequelo reclaman a Educación o desdobre de aulas
Por Oskar Viéitez |