Protestas da CIG contra o acordo que prorroga os ERTE ao entender que as condicións prexudican a clase traballadora
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Representantes e delegados sindicais da CIG concentrábanse este mércores ás 11.00 horas ante a Subdelegación do Goberno de Pontevedra como medida de protesta ante o acordo que prorroga os ERTE e que segundo a central nacionalista non ofrece garantías de ingresos nin continuidade dos empregos.
Marcos Conde, secretario comarcal da CIG, cualificaba este acordo asinado polo Goberno, a patronal e os sindicatos estatais de CC.OO. e UXT como un "roubo e unha traizón á clase traballadora". Sinala neste sentido que o Goberno de Pedro Sánchez ofrece garantías para a patronal e non para o persoal. Ademais, lamenta o apoio dos sindicatos Comisións Obreiras e UXT a esta prórroga porque supón un enorme prexuízo ao conxunto dos traballadores.
Desde o sindicato nacionalista sinalan que é unha traizón que estes sindicatos contribúan con estes acordos marcados por políticas neoliberais nun momento económico e social moi duro. Marcos Conde pide o fin a este diálogo social e demanda, unha vez máis, a derrogación da reforma laboral do PP que permanece vixente.
Segundo relatan desde a CIG, que mantiña tamén en concentracións nas outras seis principais cidades de Galicia, o novo acordo incide na desprotección e na falta de solucións para todos os traballadores temporais que foron despedidos desde o 14 de marzo, cando se decretou o estado de alarma.