Arde unha furgoneta cando circulaba pola avenida de Colón en Poio
Por Anxo Lourido
Unha furgoneta quedaba completamente calcinada ao redor das 21.00 horas deste martes cando o seu propietario circulaba con ela pola avenida de Colón no municipio de Poio en dirección ao seu domicilio, que se atopa nas proximidades do acceso á autoestrada AP-9.
O home detectou un forte cheiro a queimado que parecía proceder do motor do vehículo. Segundo a información facilitada pola Policía Local de Poio, o condutor arrimouse a un lateral xunto ao muro dunha vivenda e baixou da furgoneta que comezou a arder e aínda que tentou sufocar o lume, as lapas rapidamente aviváronse cubrindo toda a cabina.
Ata o lugar desprazouse unha dotación da Policía Local de Poio que tampouco puido facer nada con extintores ante a forte labarada que se estendía polo vehículo. Minutos máis tarde chegaban integrantes de Protección Civil de Poio, que sufocaron o lume para evitar máis incidencias na contorna. Posteriormente chegou o servizo de Emerxencias de Sanxenxo cando a furgoneta xa fora devorada polas lapas. Os axentes da Policía Local curtaron momentaneamente a rúa ao tráfico con motivo desta intervención.
A furgoneta quedou queimada por completo e tamén se viu afectado o muro da vivenda. O condutor non sufriu queimaduras nin lesións físicas. Polo momento, descoñécense as causas que deron orixe ao lume.