Detido polo roubo dun bolso polo método do tirón de madrugada no Paseo de Colón
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra detivo na madrugada do domingo un home de 48 anos que acababa de roubar un bolso polo método do tirón a dúas mozas na zona do Paseo de Colón.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, os feitos ocorreron sobre as dúas e media da madrugada do sábado ao domingo e o home foi detido por axentes que estaban a realizar un control de alcoholemia nas inmediacións.
Así, a Policía Local tiña montado un control preventivo de alcoholemia en Paseo Colón cando un axente observou que un home ía correndo cun bolso na man. Xusto nese momento, dúas mulleres achegáronse ao control policial para denunciar que o home que acababan de ver lles roubara o bolso.
Os policías perseguiron o home e, sen perdelo de vista, alcánzano no paseo da Alameda. Cando chegaron á súa altura, intentou despistalos cambiando a roupa que levaba posta. Quitou a camiseta e escondeuna, xunto co bolso e unha gorra nunhas matogueiras.
Os axentes identificárono e trasladárono ás dependencias policiais en calidade de detido por un presunto delito de roubo con forza para a súa posta a disposición xudicial.