Aproban dous proxectos por máis dun millón de euros para levar o saneamento a 52 casas de Salcedo e 14 de Lourizán
Por Natalia Puga
A Xunta de Goberno de Pontevedra aprobou este martes dous proxectos "moi importantes" que teñen que ver co saneamento nas parroquias de limítrofes de Salcedo e Lourizán e que, en realidade son "dependentes un do outro". Supón un investimento de 680.296 euros para levar o saneamento a 52 vivendas de Salcedo e 353.161 euros para 14 casas de Lourizán.
Os proxectos, que suman máis dun millón de euros en total, son, segundo explicou a portavoz do goberno local, Anabel Gulías, de complicada tramitación e responden á intención do Goberno local de dar un impulso definitivo neste mandato ao saneamento en todo o municipio.
Especialmente dificultoso é tramitar o de Salcedo, pois foi necesario obter permiso de 55 parcelas privadas, coa correspondente documentación e reunións necesarias; supón cruzar a AP-9 nun paso elevado polo lugar do Xistro que require facer un canlón de servizo e traballar en horario nocturno e cortar a autoestrada; require tamén cruzar polo paso inferior da mesma AP-9, cos correspondentes permisos ao Ministerio de Transportes; e require tramitar permisos ante Augas de Galicia para cruzar o rego de Louriñas en varios puntos.
Trátase dun proxecto cunha "dificultade bastante notable" e un prazo de execución de sete meses.
No caso do proxecto de Lourizán, ademais de dar servizo a 14 vivendas desta parroquia, tamén implica dar saída ás 52 casas de Lourizán e na súa execución, que está prevista para catro meses, tamén haberá dificultades.
Así, será necesario tramitar permisos de pasos ante oito particulares; cruzar dobremente sobre unha ponte na estrada PO-11 que implica pedir permiso ao Ministerio de Transportes e cortar a estrada; e executar un núcleo de bombeo na zona sur do núcleo de vivendas da Torre.
O proxecto de Lourizán supón terminar o saneamento desta parroquia con 1.200 casas con conexión. No resto do municipio, xa están licitados proxectos nas parroquias de Lourizán, Bora, Mourente, Canicouva e Ponte Sampaio.
Ademais, este mesmo luns comezaron as obras do proxecto de saneamento e abastecemento da parroquia de Bora, que supón un contrato de 4,7 millóns para lograr o abastecemento e 2,6 para o saneamento. En total, case 7,5 millóns que responden a este mesmo obxectivo do Concello para este mandato.
Ademais, están xa na fase final as obras da parroquia de Mourente á altura de Areás, que supón completar toda a parroquia e dar servizo ao futuro Montecelo. Neste proxecto foi necesario cortar puntualmente a estrada de Ourense á altura de Areás.
Relacionadas:
-
1,6 millóns de euros para dotar de saneamento a 43 vivendas da parroquia de Alba
Por Oskar Viéitez |
-
Comezan os traballos para dotar de auga potable á parroquia de Bora
Por Redacción |
-
As obras de canalización de Mourente obrigarán a restrinxir o acceso a Os Areás a próxima semana
Por Redacción |
-
Todas as vivendas de Bora terán saneamento e abastecemento en 2022
Por Alejandro Espiño |