O Concello reforza a atención ao público tras detectar "atasco" nas últimas semanas

Por Natalia Puga
O goberno local de Pontevedra decidiu reforzar o servizo de atención ao público nas dependencias municipais con máis persoal en atención telefónica e presencial, en especial, en todo o relativo ao padrón de habitantes. A decisión acordouse na Xunta de Goberno celebrada este martes tras detectar que nas últimas semanas se rexistraron problemas de funcionamento, con certo "atasco".
A portavoz do goberno local, Anabel Gulías, explicou que nas últimas semanas rexistrouse "algún problema de conxestión" nas liñas telefónicas derivado da coincidencia de diversas circunstancias que afectaron o servizo do padrón. Este servizo é tamén o que realiza xestións durante os procesos electorais e nas últimas semanas estivo ocupado con tramitacións para as eleccións autonómicas e, ademais, o seu volume de traballo desbordouse polas tramitacións do Ingreso Mínimo Vital, que esixe xustificantes que deben emitir.
O atasco foi "grande" en determinados momentos porque tamén o volume de traballo foi "maior" e tiveron un "volume importante de chamadas" que facía necesario reforzar o servizo. Como medida para buscar unha solución, na central pasou a haber dúas persoas recibindo chamadas, unha máis que nos momentos nos que se atascou o servizo.
Ademais, creouse unha liña de atención telefónica específica para a atención de asuntos relacionados co padrón, no número 98685037
Tamén a atención presencial reforzouse. Cabe destacar que debido ás obras de reforma da sede administrativa do Concello na rúa Michelena, o rexistro e a atención ao público trasladáronse á Casa da Luz, de modo que o traslado xera algunha dificultade engadida que hai que sumar á xa nova situación actual derivada da pandemia.
A atención ao público é sempre con cita previa e agora o servizo reforzarase. A partir do xoves 16 de xullo haberá unha persoa máis que se sumará ás catro actuais, de modo que haberá catro traballadores municipais no servizo, ademais do coordinador.
Relacionadas:
-
O Concello activará desde este venres a cita previa por internet para a atención ao cidadá
Por Alejandro Espiño |
-
Para pedir o ingreso mínimo vital xa non haberá que acudir ao padrón municipal
Por Redacción |
-
O rexistro e o padrón municipal regresarán a Michelena 30 a mediados de agosto
Por Redacción |
-
As citas previas para o Rexistro e o Padrón xa están completas para os primeiros días
Por Alejandro Espiño |
-
Rexistro e padrón abrirán na Casa da Luz a partir da última semana de maio
Por Redacción |