Sufocan un incendio nunha nave industrial abandonada na Raña
Por Redacción
Os servizos de emerxencia e extinción de incendios mobilizáronse na tarde deste luns en Marín debido ao lume declarado nunha nave industrial situada na zona da Raña.
Segundo informa o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, varios particulares alertaron do suceso ao redor das 16:00 horas da tarde.
O incendio fíxose visible debido ao fume que saía do tellado do edificio, unha nave que se atopa abandonada.
Ata o lugar desprazáronse Bombeiros do Morrazo e axentes da Policía Local de Marín, e tamén foron avisados da incidencia, sinala o 112, o parque de Bombeiros de Pontevedra e efectivos de Protección Civil de Marín.
Os equipos de intervención proseguiron durante varias horas coas tarefas de extinción, dando o lume por controlado ao descartar a posibilidade de que se puidese estender.
Os danos no inmoble son materiais, aínda que a súa contía debe ser avaliada.