Falece un home de 40 anos nun aparatoso accidente entre dous coches en Alba
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Un home de 40 anos faleceu este luns e outros tres resultaron feridos de distinta consideración -uno grave e dous leves- nun grave accidente de tráfico rexistrado pouco antes das catro da tarde na estrada entre Pontevedra e Vilagarcía, ao seu paso pola parroquia pontevedresa de Alba.
Segundo informou a Garda Civil, o sinistro produciuse practicamente á altura do quilómetro cinco da estrada PO-531 e consistiu nunha colisión fronto-lateral entre dous turismos.
O falecido é un veciño de Ponte Caldelas e era o condutor dun dos turismos, no que tamén viaxaba como acompañante no asento dianteiro outro viaxeiro que resultou ferido.
O condutor do outro turismo e, segundo a Garda Civil, posible responsable do accidente, resultou ferido grave e tivo que ser trasladado a un centro hospitalario. En lestes coche tamén ía outro pasaxeiro que resultou igualmente ferido.
En canto ao condutor ferido, a Garda Civil realizoulle a proba de alcoholemia e deu resultado negativo e está pendente do resultado da proba de consumo de drogas.
O accidente resultou moi aparatoso e o vehículo no que circulaba o falecido quedou totalmente esnaquizado. O home quedou atrapado entre os restos e os bombeiros tiveron que excarceralo, pero xa falecera.
A gravidade do accidente mobilizou ata Alba a un amplo dispositivo de medios de emerxencias, que implicou a efectivos do Corpo de Bombeiros de Pontevedra, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local de Pontevedra e Urxencias Médicas de Galicia 061.