Cubela esixe á Xunta paralizar a "innecesaria" mellora do firme na estrada PO-233
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade considera que a obra de mellora de firme que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a realizar na estrada PO-233, entre Bora e Almofrei, é "innecesaria", polo que esixiu á Xunta de Galicia a súa paralización "inmediata".
O alcalde, Jorge Cubela, que se fai eco das queixas veciñais, sinala ademais que o material escollido causa graves prexuízos aos vehículos que circulan por ela diariamente.
"Este cambio de firme non ten sentido ningún porque o existente está en bo estado e ademais escolleuse un slurry que fai estragos nos vehículos", sinalou Cubela, que chamou este luns ao departamento de Infraestruturas da Xunta para reclamar que paren as obras.
Este mesmo material, apunta o rexedor, é o mesmo que se aplicou hai tres anos ao treito entre Almofrei e Carballedo e que o Concello xa rexeitara, "así que non entendo por que se repite o erro deste material que salta con forza aos baixos dos coches".
"Cando a consellería fai as cousas ben, que é case sempre, gústame agradecerllo pero cando fai algo mal non me doen as prendas en dicirllo porque eu me debo, por riba de todo, aos intereses xerais os veciños de Cerdedo-Cotobade", engadiu o alcalde.
O Concello agarda que a Xunta de Galicia sexa "sensible" a esta petición, xa que recorda que se corresponde "co sentir de toda a cidadanía".